Dende o próximo luns 13 de setembro e ata o 14 de outubro, o Centro Cívico do Casco Vello de Vigo acolle a exposición “Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible”, organizada por Amigos da Terra e AGARESO.
O pasado ano, membros de AGARESO tiveron a oportunidade de viaxar ao Golfo de Fonseca e entrevistarse cas cooperativas de pescadores artesanais, con responsables da empresas galegas que contan con instalacións en O Salvador, institucións locais, cooperativas de mulleres e as contrapartes de Amigos da Terra. Recollendo en formato dixital e a través de entrevistas os logros que se están acadando en diferentes aspectos, como a pesca artesanal sostible, a conservación dos recursos mariños ou a maior participación das mulleres no sector pesqueiro.
Esta exposición reflexa a través de 30 instantáneas, as primeiras impresións e vivencias de cinco xornalistas durante a visita aos proxectos que Amigos da Terra desenvolve en temas de pesca artesanal sostible no Golfo de Fonseca, formado por Honduras, Nicaragua e O Salvador.
A mostra poderá visitarse de luns a venres en horario de 10.00 a 13:30 e de 17.30 a 21.30 horas.

Leave A Comment