En Amigos da Terra, ao igual que noutras entidades sen ánimo de lucro, existe un antes e un despois logo de ocorrer o caso do Prestige. Ben é certo que non todos os cidadáns comezaron a súa primeira acción voluntaria con esta catástrofe, senón que xa con anterioridade empregaban o seu tempo de modo voluntario nalgunha asociación ou entidade sen ánimo de lucro.

Vivimos nun mundo a 2 velocidades

Voluntariado Local en Amigos da TerraE así, atopámonos con que os avances tecnolóxicos e o desenvolvemento económico van por un lado, mentres que polo outro lado, vai o discernimento moral, as respostas políticas e a reacción cidadá, que, polo xeral, van a un ritmo máis lento.

Atopámonos ante un mundo entre plural e uniformado. As aparencias enganan. Pensamos que todo o mundo é igual, pero en realidade hai moitas diferenzas e realidades moi distintas.

Isto, que supón para a acción voluntaria, para o voluntariado?

Todos os retos para o voluntariado nos levan á necesidade de comprometernos na sociedade. Este compromiso susténtase na participación como ferramenta imprescindible do voluntariado.

Hoxe en día contamos en Amigos da Terra cun nutrido grupo de voluntarios/as que, dun modo altruísta, poñen parte do seu tempo a disposición da Asociación.

Son rapaces e rapazas que teñen diversas motivacións á hora de facer unha acción voluntaria na Asociación: interese polo medio ambiente, gañas de coñecer xente cun denominador común: o respecto ó ambiente, de propor novas ideas, de formarse no eido da ecoloxía,…

E así, existen distintas áreas nas que participar como voluntario/a en Amigos da Terra:

  • Residuos – lévanse a cabo reunións con certa periodicidade. Minimización de residuos e implantación das RRR: reutilización/redución/reciclaxe.
  • As Corcerizas – Centro de educación ambiental pioneiro no uso das enerxías renovables para o seu autoconsumo e no eido da bioconstrución.
  • A Aposta en fogares – Fogares ourensáns intentarán reducir a súa emisión de dióxido de carbono a través dun programa ofertado e asesorado por Amigos da Terra.
  • Ecovixías – Saídas por rutas (sendeirismo ou bicicleta) na busca de infraccións ambientais: delitos e faltas ecolóxicas que derivarán na elaboración da correspondente acción xudicial ante a Administración competente.
  • Recursos, Información e Servizos de Amigos da Terra:
    • Denuncias – área xurídica
    • Información xurídica – área xurídica
    • Información ambiental – buscar información ambiental.

E, por outra banda, tamén se pode ser voluntario/a virtual, é dicir, non é necesaria a presenza física da persoa para colaborar coa Asociación senón que vía e-mail pódense levar a cabo proxectos ou actividades relacionados coa entidade.

A participación do voluntariado se desenvolve no horario laboral do que dispón a Asociación: polas mañás de 9:30 a 14:30h; e, polas tardes, de 16:30 a 20:30h. E tamén nas fins de semana para subir ao centro As Corcerizas, para facer Ecovixías ou ben para celebrar algún día destacado no calendario ambiental como o Día da Terra, o Día do Medio Ambiente, o Día dos dereitos do consumidor,…

A formación requerida é: dispor de tempo e gañas de colaborar con Amigos da Terra.

Amigos da Terra forma parte do Programa de Acción Voluntaria da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galiza.

En definitiva, traballamos polo fomento do voluntariado coma unha ferramenta fundamental de apoio á Asociación e para promover o cambio social mediante a sensibilización e concienciación da cidadanía.

Actívate e colabora!!!!