Cambio climático e débeda climática
No noso país e no resto dos países industrializados tan só vivimos un 20% da poboación mundial, con todo, somos os principais responsables do cambio climático; practicamente emitimos un 75% dos gases de efecto invernadoiro (GEI) totais á atmosfera.
A ciencia foi moi clara: se dende agora ata finais de século permitimos que a temperatura media da Terra (14ºC) aumente máis dun grao e medio, practicamente todos os sistemas ecolóxicos veranse comprometidos.
O quecemento afectará principalmente os países máis empobrecidos e con menos responsabilidade histórica, pero os países industrializados tamén sufrirán os impactos. Sen ir máis lonxe, en España xa estamos a experimentar unha perda masiva de biodiversidade e de litoral mariño, ademais de desertificación, incendios e aumento na intensidade e na frecuencia das ondas de calor e de frío.
Necesitamos actuar xa.
Un modelo enerxético sucio en mans de grandes empresas
A estas alturas, todo o mundo sabe que a factura da luz cústanos o dobre que hai 10 anos. Isto débese a un sistema centralizado, inxusto, obsoleto e ineficiente que se atopa en mans dunhas poucas empresas.
As malas políticas do Goberno, a ausencia de mecanismos para facilitar a participación da cidadanía nas decisións que afectan os nosos mix enerxético, así como a falta de campañas de sensibilización que melloren a percepción da xente cara ás renovables, foron as principais trabas que detiveron o desenvolvemento da enerxía comunitaria en España durante os últimos anos.
A día de hoxe, países con menos radiación solar de media, como Alemaña, xa instalaron estruturas co triplo de capacidade para xerar enerxías renovables que nós.
O que propoñemos:
Soberanía enerxética global e local: é unha alternativa viable, grazas ás distintas tecnoloxías dispoñibles e ao aproveitamento de recursos naturais limpos e infinitos, como o sol, a auga ou o vento. A soberanía enerxética supón o recoñecemento por dereito de que as comunidades -ou os países- poidan decidir sobre que modelo enerxético queren, segundo os seus recursos e necesidades.
Renovables en mans da xente, podemos tomar como exemplo os casos de Dinamarca ou Alemaña, onde Cooperativas e Comunidades lograron aproveitar o seu potencial e transformar o seu sistema enerxético. Ao longo e ancho de Europa están a crearse proxectos deste tipo, onde a comunidade desempeña un papel activo na xestión dos recursos enerxéticos.
Son iniciativas como, por exemplo, paneis solares no teito dunha escola local, un pequeno parque eólico nun outeiro preto dun municipio, ou o illamento financiado de forma colectiva para un edificio enteiro de vivendas. As comunidades rapidamente danse conta dos beneficios: desde facturas de luz máis baratas e a redución de emisións dos gases causantes do cambio climático, ata un sentimento colectivo de orgullo por conseguir en conxunto pequenos logros.
Xustiza climática, porque é indispensable que asumamos as nosas responsabilidades históricas fronte ao cambio climático e actuemos de inmediato para evitar a continua violación sistemática dos dereitos humanos en poboacións empobrecidas. Só lograremos Xustiza Climática cando recoñezamos o valor intrínseco da diversidade cultural e natural, cando fomentemos a convivencia, a cordialidade e a cooperación solidaria, nosa parte de responsabilidade e cando apostemos por solucións xenuínas e de interese público para afrontar o cambio climático e a escaseza de recursos naturais.
En Amigos da Terra facémonos eco das voces destas comunidades, e reclamamos a través de diferentes peticións, accións e recomendacións, a posta en marcha dun mecanismo solidario que aborde a débeda histórica que o Norte ten co Sur Global.