A cooperación ao desenvolvemento é un proceso íntimamente vinculado ao medio ambiente, polo que ningunha acción dentro deste ámbito poderá fomentar un desenvolvemento humano e perdurable se non é baixo a condición da sostibilidade. Nunha contorna de recursos finitos, sobreexplotados e degradados, onde a escaseza e a competencia polos mesmos constitúe unha ameaza á convivencia pacífica dos pobos; a procura dun modelo de desenvolvemento que considere os límites naturais do crecemento preséntase como única alternativa para o desenvolvemento e a gobernanza globais.
A partir desta premisa, Amigos da Terra inicia ou seu traballo en cooperación no ano 2004 na rexión do Golfo de Fonseca, en Centroamérica. Dende ese momento ata a actualidade a presenza de Amigos da Terra foi ininterrompida, executando proxectos diversos en varias áreas xeográficas dos tres países cos que limita o Golfo: Honduras, El Salvador e Nicaragua.
Levamos a cabo programas de protección, recuperación e xestión responsable e participativa dos recursos naturais en cuxa explotación se basean a maior parte das actividades de produción e subsistencia das comunidades, tales como a pesca artesanal ou a agricultura.
Contamos con ampla experiencia en accións de capacitación e concienciación da poboación local en canto á conservación da contorna ou a eliminación de malas prácticas (sobreexplotación pesqueira, uso inadecuado dos solos, contaminación, etc) que provocan a degradación dos recursos e xeran empobrecemento e situacións de vulnerabilidade alimentaria.
En todos os proxectos se introducen iniciativas de xestión comunitaria e participación da poboación e os actores locais nos espazos de decisión. Neste sentido, impulsamos o traballo con municipalidades, alcaldías, ministerios (é dicir, con todos os niveis políticos territoriais) así como con cooperativas agrarias e pesqueiras e outras agrupacións que, grazas aos resultados dos proxectos, traballan coordinadamente cos decisores políticos.
Os principais eidos de actuación dos proxectos de cooperación de Amigos da Terra son os seguintes:
- Recuperación, protección e xestión sustentable do ecosistema de manglar
- Posta en marcha de iniciativas de agricultura ecolóxica familiar e comunitaria
- Promoción da pesca e a acuicultura artesanais e sustentables
- Mellora do acceso a un auga de calidade
Educación para o Desenvolvemento
Ademais dos proxectos de cooperación, Amigos da Terra desenvolve actuacións de “Educación para o Desenvolvemento” (EpD). A partir do concepto de “cidadanía global”, este enfoque conecta as realidades do Norte e do Sur empobrecido, promovendo procesos educativos que xeren unha cidadanía con conciencia crítica, politicamente activa e comprometida en accións de transformación social a favor dun desenvolvemento humano xusto, equitativo e sustentable en calquera lugar do mundo.
A labor de Amigos da Terra neste eido, céntrase especialmente nas seguintes liñas de traballo:
- Sensibilización e capacitación aos distintos axentes de cooperación (ONGDs, administracións…) na integración do medio ambiente e a sustentabilidade nas súas actuacións.
- Promoción da soberanía alimentaria e o consumo sustentable: sensibilización sobre os impactos ambientais, sociais e económicos do actual sistema alimentario, especialmente nos países empobrecidos, e formación e promoción de alternativas de consumo e alimentación respectuosas co medio ambiente (alimentos locais, ecolóxicos e de tempada; grupos de consumo, hortas comunitarias, etc).