O modelo actual de produción e distribución de alimentos ten graves impactos na vida da xente e na nosa contorna. Abuso de pesticidas e fertilizantes químicos, monocultivos, deforestación, acaparameento de terras ou despoboamento das zonas rurais, son só algúns dos problemas que nos afectan de maneira decisiva.

Curso de horta en OurenseEste modelo industrial non só ameaza a agricultura local e a pequena escala, senón a alimentación mundial. Non é a falta de alimentos a causa da fame, senón unha repartición desigual dos recursos agrarios e alimentarios.

A expansión da agricultura industrial, en mans dunhas poucas empresas, é un dos detonantes desta situación. O gran negocio da alimentación expulsou das súas terras a parte da poboación mundial, compromete a biodiversidade agraria e gandeira e acapara boa parte dos solos fértiles e a auga do mundo.

En Amigos da Terra loitamos por unha agricultura e alimentación ecolóxica e local que cubran as necesidades das persoas produtoras e consumidoras. Defendemos que as persoas sexan o principal obxectivo da produción, distribución e consumo de alimentos.

Para conseguilo traballamos para avanzar cara á soberanía alimentaria global e local, baseándonos en solucións agrícolas diversas e locais. Cremos que é necesario recuperar a agricultura ao servizo da xente, e non do beneficio das grandes empresas agroalimentarias.

Con este fin propoñemos:

A relocalización da produción e distribución de alimentos fomentando as canles curtas de comercialización: venda directa, mercados locais, grupos de consumo, etc.

Unha política agraria que incentive a produción de alimentos sans de maneira respectuosa co medio ambiente e que fomente o crecemento da poboación rural.

Agricultura e AlimentaciónUnha agricultura libre de transxénicos como condición indispensable para que o sector agrario manteña a capacidade de decidir sobre as súas sementes.

A compra pública responsable de alimentos. Cada ano as administracións gastan grandes cantidades de diñeiro público para prover de alimentos os colexios, hospitais etc. Os criterios de proximidade e xeración de emprego no medio rural deben ser parte das compras públicas.

A incorporación de xente nova á actividade agraria: Escola de Acción Campesiña. Para que a produción de alimentos deixe de estar en mans dunhas poucas empresas é necesario que máis persoas novas se incorporen ao sector agrario. A Escola de Acción Campesiña proporciona formación e acompañamento para avanzar no cambio agrocoecolóxico cara á soberanía alimentaria.