Se retomamos dende aquí o nacemento do movemento ecoloxista tal e como o entendemos, situaríamolo nos anos 70. Existen precedentes nos anos 50 de asociacións “conservacionistas”, adicadas á protección da flora e fauna, que eran consideradas “elitistas”. Foi o movemento pacifista antinuclear o que impulsou o nacemento de diversos grupos ecoloxistas ó norte de Europa. Nos Estados Unidos o Serra Clube destacou por impulsar este movemento.
O denominado Informe Meadows de 1972, redactado polo Clube de Roma, formado por economistas progresistas internacionais, foi un importante chamamento acerca dos problemas que o mundo desenvolto ocasiona ó medio ambiente.
Durante os anos 70 nacen os grupos ecoloxistas Greenpeace e Amigos da Terra. Na época dos 80, a percepción que existía sobre os grupos ecologistas foise tomando máis en serio. As redes do ecoloxismo comezaron a espallarse por todo o mundo e os grupos foron recoñecidos coma interlocutores válidos con respecto ós asuntos do medio ambiente. Sen embargo, os gobernos e empresas non se preocupaban demasiado polos impactos ambientais que provocaban. Será nos anos 90 cando xurdan áreas profesionais nas administracións e empresas que amosan as súas interpretacións sobre como coidar o medio ambiente, non sempre en consonancia coas valoracións dos ecoloxistas.
A situación actual
Como os colectivos ecoloxistas eran os únicos que falaban do medio ambiente, a explotación dos países pobres, o despilfarro de enerxía, moitas empresas e administracións consultábanlles para obter as súas valoracións e coñecementos. Hoxe en día moitas empresas e consultorías ambientais “compiten” con estes grupos. Moitas veces, as súas valoracións restrínxense á aspectos técnicos, e non se “mollan” á hora de cuestionar o sistema do desenvolvemento, que no fondo da cuestión é a “loita” dos colectivos ecoloxistas.
O sistema económico internacional, baseado no consumismo, e os propios gobernos, están controlados polas multinacionais. O impacto da globalización fai moi difícil atallar a problemática ambiental, sobre todo a nivel local. As empresas están organizadas de maneira que finxen ter interese e preocupación polo medio ambiente, mais as medidas que toman son insuficientes e non amosan un interese real por mudar a situación.
É complicado chegar ós millóns de consumidores que son bombardeados a cotío con publicidade e enganos. Os ecoloxistas temos moi poucos medios económicos para contrarrestar este impacto, e para achegar a todos eles a nosa mensaxe.
O eslogan de Amigas da Terra é “Pensar globalmente. Actuar localmente”. Hoxe en día somos conscientes de que tamén hai que actuar “globalmente”. O movemento ecoloxista ten que mundializarse para combater os impactos negativos da globalización. Debido a que son as corporacións transnacionais as que toman as decisións sobre o reparto dos recursos, moitos gobernos perden o control dos seus, a nivel nacional. O movemento ecoloxista actuará a nivel local e nacional, pero tamén a nivel internacional. É necesario influír nas decisións políticas internacionais e, á súa vez, ofrecer apoio ós cidadáns a través de actuacións locais.
Historia de Amigas da Terra
A andaina de Amigas da Terra en Galiza comeza no 1997, pola iniciativa de Xulio López en Ourense. O traballo constante na elaboración de proxectos reais que implicaran á cidadanía no medio ambiente, fixo que a asociación fora medrando e abríndose a posibilidades de contar con máis persoal contratado e voluntarios tanto locais coma europeos que participaban nas actividades da asociación, baixo dous eixes principais de actuacion, por unha parte reinvidicativa e de activismo e por outra de sensibilización e educación ambiental.
Dende o ámbito reinvidicativo e de denuncia da situación ambiental en Galiza a asociación viuse implicada na realización de numerosas denuncias contra canteiras, vertedoiros incontrolados, talas de árbores, vertidos, etc.
Con relación á defensa dos animais viñéronse presentando denuncias contra as chegas de bois en Muíños dende o ano 2000, así como tamén contra o depósito de reses mortas polas vacas tolas no caso Sugasa.
A proliferación das antenas de telefonía móbil no ano 2000, levounos a facilitar información ós concellos: un modelo de ordenanza municipal para a colocación de ditas antenas lonxe de lugares sensibles.
No ano 2001 facíase un informe ambiental sobre a situación dos matadoiros da provincia de Ourense, no cal se reflectía a lamentable xestión dos vertidos de augas por parte de case todos os matadoiros, ademais da estación depuradora de Ourense e de Monforte de Lemos.
O ano 2002 veu marcado polo desastre do Prestige, formamos parte do movemento social Nunca Mais e nos vimos implicados na coordinación de envío de voluntarios da provincia de Ourense para a limpeza das praias, así como tamén colaborando na recuperación de aves no centro de Cotorredondo.
Como membros do Comité pola Defensa do Monte Galego, realizáronse numerosas actuacións reinvidicativas contra a problemática dos incendios forestais e alegacións contra a construción dun cercado cinexético en Montederramo, que é un LIC da Rede Natura.
Tamén foron moitas as alegacións a instalación de minicentrais, parques eólicos, e na elaboración do PXOU de Ourense. Por outra banda, dentro do campo de información ambiental, sensibilizacion e concienciacion ambiental, levamos a cabo numerosas actuacions: charlas, obradoiros, exposicions, organización de cursos e seminarios, festival polo medioambiente, premios bandeira verde, elaboracion de material impreso (guía de información ambiental para a xuventude, cartazes, boletíns e trípticos informativos).
Entendemos o medioambiente de xeito xeral, e desde sempre vimos colaborando con diferentes asociacións sociais e culturais coma AECC, Cruz Vermella, ATOX, Centro Trama, Proxecto Home, onCE, Aixiña, AAVV de Veciños, Asociacións de consumidores, Casa da Xuventude…
Por último cabe dicir que desde xuño de 2005 Amigas da Terra conta cunha renovada equipa coordinadora. É un dos seus principais obxectivos é continuar cun novo proxecto de fomento e implicación na defensa do medioambiente a nivel persoal, local e global.
Agardamos por vós,
agardamos que cada día sexamos máis Amig@s da Terra.