No día de loitas globais campesiñas, 17 de abril, lideradas pola Vía Campesina, o movemento estatal Plantámonos -do que Amigas da Terra forma parte-, súmase ás reivindicacións desta organización internacional.

Plantámonos reivindica a necesidade dunha transición agroecolóxica urxente que favoreza e apoie á agricultura familiar e social.

Ante a crise actual da agricultura, o movemento avoga pola defensa da soberanía alimentaria, baseada no coidado das persoas e os ecosistemas.

Con motivo do Día Mundial da Loita Campesiña este mércores 17 de abril, o movemento Plantámonos, do que formamos parte máis de 50 organizacións, reclama a necesidade de apostar por unha transición urxente cara a métodos de produción agroecolóxicos, sostibles e diversificados, baixo proxectos familiares prósperos e a pequena escala.

Reivindican, á súa vez, un sistema agroalimentario en mans das persoas agricultoras e consumidoras, que non estea dominado polo poder da industria agroalimentaria, os grandes supermercados nin os lobbies da agroindustria. As persoas consumidoras queren poder acceder facilmente a alimentos sans, producidos de forma xusta e sostible.

Este modelo agroecolóxico, que responde os retos sociais e ambientais actuais, busca tamén a preservación da biodiversidade e a paz con xustiza social, solucións labregas á crise alimentaria e climática que se vive no Estado español e noutros lugares do mundo. Ante esta transición, o colectivo tamén considera imprescindible o acceso á terra, prezos xustos para as produtoras e as consumidoras, a promoción da agroecoloxía e as sementes campesiñas e a defensa da soberanía dos pobos.

A diminución do número de persoas agricultoras, o aumento da superficie das explotacións de gran tamaño e a diminución das de pequeno e mediano tamaño ou a distribución desigual das axudas da Política Agraria Común (PAC), mostran a realidade dun modelo imperante no Estado: unha agricultura sen persoas agricultoras, dominada polos mercados, os acordos de libre comercio, e normas e políticas a medida da agroindustria, que deixa atrás a agricultura familiar e social baseada na agroecoloxía.

Este sistema agroalimentario industrial segue provocando a perda de poboación rural, de agricultura familiar e social, e a falta de substitución xeracional. Tamén conleva consecuencias ambientais graves, como o aumento da contaminación das augas pola agricultura intensiva e a perda de biodiversidade. A isto súmase o impacto da crise climática e de biodiversidade sobre a agricultura de pequena e mediana escala, con perdas de ata o 80 % segundo o cultivo.

A agricultura familiar no Estado español supón o 82 % das explotacións agrarias, e é fundamental para a cohesión social no mundo rural, para o coidado da biodiversidade agraria que produce alimentos sans e sostibles, e para o desenvolvemento do modelo agrario socialmente xusto e sostible. Sobre esta agricultura deben centrarse o desenvolvemento de sistemas alimentarios sostibles e resilientes ante a crise ecosocial, climática e de biodiversidade.

Por iso, desde as organizacións que conforman Vía Campesina, así como desde Plantámonos, lembramos a importancia de apoiar ás granxas familiares e sociais a pequena escala cara a unha transición máis sostible e xusta desde un enfoque social, ambiental e económico que fortaleza a soberanía alimentaria.

 

 

 

Nos Plantamos/Plantámonos é unha alianza de organizacións e persoas do movemento pola Soberanía Alimentaria en favor dunha agroecoloxía labrega, con protagonismo das persoas agricultoras e traballadoras da terra, que reivindica o coidado do medio ambiente, do medio rural, e que ofrece ás persoas consumidoras alimentos sans, de calidade e de proximidade.