Documental sobre as fatais consecuencias do cambio climático no noso planeta, a través de varios exemplos en diferentes países nos que a actividade humana, sempre promovida polo negocio dos recursos da natureza, está a desestabilizar o clima e o equilibrio natural de forma irreversible, en especial nas últimas décadas. Sen embargo, ao longo do filme vaise construíndo unha idea controvertida e emocionante: que podemos aproveitar a crise existencial do cambio climático para transformar o noso sistema económico que fracasou para convertelo en algo radicalmente mellor.
Escrito, e narrado, pola xornalista e investigadora canadense Naomi Klein, recoñecida activista que saltou á fama polo seu libro “Non logo”, no que arremetía contra as grandes corporacións, e co que se converteu nun personaxe moi influente no movemento antiglobalización.
Ao final da proxección, Águeda Novo e Judith Gamallo, activistas de Amigos da Terra e ECOAR))) respectivamente, e que estiveron na COP 21, compartirán a sua experiencia e comentarán como foi a súa participación nas distintas actividades que se levaron a cabo xunto a outros varios de miles dun enorme e variado crisol de movementos sociais. E para rematar, Antón Lois, moderará un debate entre todas as persoas asistentes para comentar os resultados do cumio e as alternativas posibles que pode impulsar a cidadanía.

Leave A Comment