
–
Amigos da Terra organiza este sábado 31 de agosto, no concello de Meaño, en Pontevedra, a primeira das xornadas do curso “Método Biointensivo de Cultivo de Alimentos”. Este curso será a primeira das formacións que se leven a cabo dentro do proxecto “Cultivo Biointensivo de Alimentos como método innovador de adaptación ao cambio climático de hortas familiares e comunitarias”.
O curso, cunha duración de 8 horas, impartirase, en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h, no Museo da Muller Labrega As Covas s/n, Meaño, Pontevedra.
Trátase dun método de agricultura ecolóxica a pequena escala, enfocado ao autoconsumo e a mini-comercialización, desenvolto coa fin de cultivar os alimentos necesarios para unha dieta completa e nutritiva no espazo máis reducido posible, sen dependencia de ningún tipo de insumo externo.
Os seus principios de actuación non só producen alimentos nutritivos e orgánicos, senón que tamén reconstrúen e melloran a fertilidade do solo.
Nun contexto de cambio climático, desertificación e esgotamento dos recursos naturais, o cultivo biointensivo é unha maneira moi eficaz de producir alimentos en pouco espazo, contribuíndo ao autoabastecimento e consumo local, á rexeneración do chan e á soberanía alimentaria.
O curso está dirixido a persoas que xa realizasen previamente o taller básico do método biointensivo, e idealmente que o estean aplicando nunha horta.
Estará impartido por Guillermo Rodríguez Barreiro, enxeñeiro agrónomo e Mestre Nivel Básico do método biointensivo, que cultiva a horta biointensiva “O Torno” con vocación de espazo de formación, investigación e promoción do método biointensivo en Galicia.
Este proxecto conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade.


Leave A Comment