
O colectivo ecoloxista solicitou no pasado mes de maio información ao concello carballinés sobre as presuntas autorizacións de obras menores que se realizaron en vivendas da parroquia de Santa Uxía de Lobás.
No núcleo rural do Mosteiro de Lobás, sito na parroquia de Santa Uxía de Lobás pertencente ao concello do Carballiño, xustamente no entorno da igrexa e do Mosteiro de Lobás, os veciños engadiron volumes ás vivendas e avanzaron as mesmas sobre o camiño, ocupando o espazo público e pondo en perigo a morfoloxía do núcleo e a salvagarda de camiños rurais e desvirtuando, asemade, a tipoloxía de vivenda tradicional.

Nos volumes que construiron ditos veciños non se atendeu a un uso pormenorizado das construcións e das características estéticas da edificación, xa que a maioría son en ladrillo, revestido ou non e feitos presuntamente sen ningún tipo de permiso, control e consideración polo contorno no que se atopan.

Ante esta situación, Amigos da Terra solicitou información ambiental ao concello do Carballiño polo que entende que estas obras puideran afectar aos elementos patrimoniais do lugar, ademais de carecer supostamente das preceptivas licenzas municipais co que se estaría incorrendo nunha ilegalidade da lexislación urbanística de Galicia.

A petición de información, baseada na Lei 27/2006, do 18 de xullo como trasposición do Convenio de Aarhus que regula o dereito de acceso á información ambiental que obre en poder das autoridades públicas, debera ser resolta, tal e como establece o artigo 10 da lei, no prazo dun mes, prazo que rematou o pasado xuño sen que o colectivo ecoloxista recibira contestación administrativa algunha.

Neste sentido e en relación ao urbanismo, integrantes do colectivo decláranse contrarios á intención da Xunta de Galicia de modificar a lexislación urbanística incorporando á LOUGA artigos que outorguen maior permisibilidade ás ilegalidades urbanísticas do rural galego. Darase aos concellos a potestade unilateral da concesión de licenzas desaparecendo deste xeito o trámite autonómico de autorizacións e convertindo a avaliación ambiental nun mero trámite administrativo máis, e non nun elemento independente e substancial ao proceso, como debía ser ata agora.
Consulta documento gráfico de abril 2009