Amigas da Terra e a Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV) avanzan nos procesos iniciados no marco do proxecto “Mellora no acceso aos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais de mulleres rurais para un desenvolvemento inclusivo e sostible no Corpus e Namasigüe (Honduras)”, financiado pola Xunta de Galicia.
Un dos obxectivos é fortalecer os grupos de mulleres dos dous municipios na prevención e atención da violencia de xénero e a incidencia política.
Reforzáronse as Oficinas Municipais da Muller (OMM), as Redes Municipais de Mulleres (RMM) e a Rede Rexional de Mujeres do Sur (RRMSUR), e leváronse a cabo accións de formación e acompañamento ás lideresas comunitarias.
A inicios do ano 2026, cambiaron os gobernos locais e las OMM en ambos os municipios, polo que foi necesario ter reunións previas de toma de contacto coa alcaldesa do Corpus, así como o alcalde de Namasigüe, os vicealcaldes e asesoras das alcaldías para socializar as accións contempladas no proxecto e as propostas das RMM e RRMSUR e coñecer de primeira man a dispoñibilidade da corporación municipal. Ao mesmo tempo, realizáronse importantes xornadas de traballo para a construción participativa e presentación do Plan Operativo Anual (POA) da OMM coas xuntas directivas das RMM, coordinadora da OMM e 3 representantes da Comisión Cidadá de Transparencia (CCT) en ambos os municipios.
Grazas a este proceso construíronse 2 axendas municipais das mulleres e 2 POA con enfoque de xénero. Colaborouse tamén na organización das Asembleas Xerais das RMM do Corpus e de Namasigüe onde participaron en total 200 mulleres. Ambas as asembleas tiveron obxectivos comúns: a presentación de informes por cada unha das responsables das xuntas directivas saíntes e as conselleiras e promotoras legais, a socialización do POA da OMM, a Política Municipal de Xénero e o Regulamento Interno da RMM (actualizados previamente) e, finalmente, a renovación das súas xuntas directivas.
Outra importante contribución do proxecto, foi a conformación da Mesa Municipal de Orzamentos Sensibles ao Xénero en Namasigüe (no Corpus fora conformada no ano 2024 con fondos da Xunta de Galicia). Esta Mesa Municipal debe ser a instancia responsable de garantir que se cumpran as disposicións orzamentarias orientadas á garantía dos dereitos das mulleres segundo o Acordo Ministerial Nº. 02-2023.
Nesta mesma liña, facilitáronse formacións sobre dereitos das mulleres ás Comisións Cidadás de Transparencia (CCT), para que sexan aliadas estratéxicas nos procesos de incidencia política a nivel municipal.
Por outra banda, desenvolvéronse procesos de formación sobre a Lei contra a Violencia Doméstica e as súas reformas e para a atención integral a mulleres sobrevivientes de violencia con promotoras e conselleiras legais, lideresas, axentes policiais e operadoras de xustiza. As promotoras e conselleiras legais que contan coas habilidades para atender a mulleres vítimas e sobrevivientes de violencia, realizaron un novo levantamento e análise da información para mellorar a aplicación da Lei contra a Violencia Doméstica.
Unido a iso, desenvolvéronse importantes accións de incidencia no marco do Día Internacional da Muller, destacando unha marcha e foro municipal con máis de 100 mulleres en Namasigüe e, na cidade de Choluteca, unha marcha e foro rexional onde máis de 400 mulleres das RMM presentaron as súas demandas, en especial, o acceso á xustiza para as sobrevivientes de violencia de xénero.
Nos últimos meses, realizáronse xornadas de revisión dos avances na execución do POA 2026 coas OMM e RMM do Corpus e Namasigüe, valorándose o interese e compromiso asumido polas alcaldías para a súa implementación. Con todo, identificáronse brechas significativas para a súa execución, en especial no Corpus, debido a que as transferencias foron recibidas con moito atraso e priorizáronse outros investimentos. Na actualidade, a alcaldía do Corpus xa conta cos fondos dispoñibles, programándose de xeito conxunto, antes do peche do ano, 2 reunións para o fortalecemento da OMM, a RMM e as súas interrelacións, un cabildo aberto de mulleres para a aprobación do POA 2027 da OMM, un foro municipal para a esixibilidade dos dereitos das mulleres ante as autoridades e instancias operadoras de xustiza e un encontro rexional de incidencia no marco da Campaña dos 16 Días de Activismo polo Día Internacional de la Non Violencia contra a Muller.

Leave A Comment