Amigas da Terra, Amigas das Árbores, AAVV Veciños Zona Centro, Ecoloxistas en acción e Federación de Asociacións Veciñais de Vigo queremos transmitir a preocupación e alarma que sentimos ante a política arboricida do Concello de Vigo, e pedímosvos aos medios que nos deades voz. Tentamos chegar a toda a cidadanía, para crear conciencia do que está a ocorrer, e especialmente ás persoas responsables, coa esperanza de que reconsideren as súas accións e as modifiquen.

Queremos un modelo de cidade sostible, e este concepto é a base do noso relato. É fundamental realizar unha reflexión sobre o modelo de cidade. Convidamos a toda persoa que nos oia a pensalo polo menos cinco minutos. Nós fixémolo, e cremos que, para que Vigo sexa “a mellor cidade para vivir” non podemos perder as nosas árbores.

Queremos unha cidade para as persoas que viven nela, queremos unha cidade verde, con espazos onde gozar, crear barrio e un tecido relacional. Vigo sempre foi a cidade industrial e urbanita de Galicia. Vivir no centro implica estar rodeados de cemento, certo. Isto é a cidade. Pero a cidade debe ser traballada para humanizala, e evitar que resulte un lugar inhóspito e abafador.

Por iso somos conscientes do que non queremos. Rexeitamos o modelo desenvolvementista do cemento dos anos 70, cun desprezo absoluto á vexetación dentro da contorna urbana, e si, estamos aquí para falar da superficie arborizada da cidade, e da violencia arbórea que estamos a vivir.

E non estamos aquí só con queixas. Vimos con propostas, porque cremos que a cidade a facemos todas as persoas que vivimos nela.

PRIMEIRA PROPOSTA: Falar en termos de masa verde e diferenciando as árbores de gran tamaño.

Dise desde a Alcaldía que se plantan árbores de forma habitual e mesmo que se incrementou o número de exemplares. ISTO NON É VERDADE, E É UNHA INFORMACION MANIPULADA.

O primeiro é definir que é unha árbore, e especialmente unha árbore de gran porte, sen entrar nas numerosas especies e cales son mellores ou non para unha cidade. Debemos diferenciar entre arbustos e árbores  de pequeno, medio e gran porte.

En liñas xerais considérase árbore de GRAN PORTE aquel que na súa idade madura supera os 15 METROS DE ALTURA e os 6 METROS DE DIÁMETRO DE COPA. Resulta evidente que se substitúo unha árbore de 15 m altura e 6 m de diámetro de copa por outra de 3 m de altura e 2 m de diámetro de copa estou a reducir MASA VEXETAL, e se isto se fai de forma habitual durante anos, a perda de verde é abafadora.

E, con todo, a Alcaldía pode dicir e argumentar que plantou árbores, ao contar como árbore toda árbore pequena e de carácter ornamental.

Por iso propoñemos ao Concello que fale en termos de MASA VERDE na cidade e proceda á plantación de ARBOLES DE GRAN TAMAÑO.

SEGUNDA PROPOSTA: Realizar un mantemento e coidado das árbores urbanas de forma regular.

Está a transmitirse o mantra de que as árbores deben tallarse porque están enfermas e supoñen un perigo de caídas e incendios.

Certo que as árbores envellecen, enferman e poden caer. Por iso debe existir unha política de mantemento, pero mantemento REAL, e non o estado actual de abandono ou de podas salvaxes que se realizan a destempo, polo que se están debilitando de forma clara. Se se teñen as árbores abandonadas durante anos, sen tratamentos, sen coidados, e con podas que minguan a súa enerxía, que acabará ocorrendo? Sorpresa!, que as árbores poden caer, e daquela é necesario eliminalas e poñer no seu lugar unha arboriña que non alcanzará nunca o tamaño da que se elimina.

É dicir, o Concello alega un efecto e consecuencia que el mesmo está a producir de maneira consciente. O obxectivo que mostran os seus feitos (aínda que as súas palabras digan o contrario) é ter unha cidade cementada, sen árbores grandes, chea de xardineiras con rega por goteo e arbustos de 2 metros de alto.

E ese tipo de mobiliario urbano, con plantas e pequenas arboriñas, non proporciona ningún tipo de beneficio.

  • Non xera REGULACIÓN TÉRMICA, coma unha árbore grande, que proporciona sombra e reduce temperatura ambiental.
  • Non absorben dióxido de carbono nin melloran a calidade de aire.
  • Non lles serven de refuxio aos paxaros, aos nosos gorrións, por exemplo, que están desaparecendo da cidade.
  • Non serven de filtro dos ruídos.

Propoñémoslles ao Concello e á empresa concesionaria do servizo de mantemento que realicen tarefas de coidado anuais en toda a superficie arborizada urbana.

TERCEIRA PROPOSTA: Cumprimento da propia ORDENANZA MUNICIPAL DE ZONAS NATURAIS E ESPAZOS VERDES e o PREGO DE CONDICIÓNS polo que o Concello subcontrata con UTE ACCIONA-MANTEN o coidado das zonas verdes.

E en concreto os dous primeiros artigos da ORDENANZA, que din:

  • ART. 1 Toda a cidadanía ten dereito ó uso e gozo das zonas verdes públicas.
  • ART. 2 Constitúe o obxecto da presente ordenanza a defensa do medio natural e das zonas verdes urbanas non senso máis amplo.

Afirmamos que o Concello e a concesionaria están a incumprir o anterior. En canto á concesionaria e a forma de cumprir o prego de condicións, recoñecemos estar ante un buraco negro. A Lei de Transparencia parece non chegar ás oficinas da Alcaldía.

O prego de Prescricións técnicas para a prestación dos servizos de mantemento e conservación das zonas verdes do concello de Vigo (Exp 12853/446 de 1/6/2020) di na súa páxina 101 que unha árbore seca, enferma ou mutilada debe contar cun informe técnico e fotografía que xustifique a súa talla.

  • Solicitamos os informes polos que se tallaron (é dicir, eliminaron) os 16 Castiñeiros de Indias de Manuel Olivié e non temos contestación.
  • Solicitamos o plan de poda que debe elaborar a concesionaria segundo se indica na páxina 95 do mesmo prego de condicións e tampouco temos contestación.
  • Solicitamos a anulación da talla de árbores do talude da Falperra e aquí si nos contestaron, para dicirnos que segundo a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a alarma que xera por risco de incendio, se van eliminar.

É unha contestación que non acabamos de comprender. Incendios Forestais no centro da cidade? Denuncias da veciñanza por risco de incendio? (Para quen non o saiba, o talude da Falperra sitúase entre a Panificadora e o parque do Castro, sen edificios de vivendas ao seu arredor). Volvemos solicitar traslado desas denuncias pero tampouco temos contestación.

Propoñemos ao Concello que consulte a web do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, que dirixe Teresa Rivera (compañeira do seu partido), onde existen numerosos contidos sobre a superficie arborizada urbana e os seus beneficios, baixo o lema “Cada árbore conta”.