Amigos da Terra denuncia publicamente os danos producidos a “pedrafita” das Catro Cruces, menhir situado na Serra de Castro Leboreiro (preto de Outeiro de Augas) monumento megalítico que sinala os lindeiros das parroquias de Calvos e Corbelle (Concello de Bande) e as parroquias de Cexo e Bangueses (Concello deVerea). Os danos foron producidos por un buldozer contratado pola Consellería do Medio Rural e do Mar para a limpeza dunha devasa para a prevención de incendios forestais.
Activistas de Amigos da Terra Galicia visitaron na semana pasada a Serra de Castro Leboreiro e fixeron unha visita ao monumento megalítico das “Catro Cruces” para valorar os danos producidos a este elemento singular de alto valor etnográfico-cultural.
A pedrafita das Catro Cruces foi derrubada e hoxe está tapada pola vexetación e a terra removida por un buldozer de grandes dimensións no medio da devasa existente perto de Outeiro de Augas (Serra de Castro Leboreiro). Preguntado polo feito a veciños de Bangueses e Calvos (concellos de Verea e Bande) estes manifestaron aos membros de Amigos da Terra que: -O “Marco das Catro Cruces” foi derrubado por un buldozer que realizaba a limpeza da devasa para a prevención de incendios forestais e que as obras foron realizadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, con sorna tamén manifestaron que -O “Marco das Catro Cruces leva alí toda a vida e eles non teñen ningún interese en ampliar as súas posesións ou en trocar os lindeiros das súas parroquias.

Para Amigos da Terra Galicia este feito non ten explicación, o Menhir das Catro Cruces” está catalogado, leva no mesmo sitio centos de anos, a ninguén se lle ocorreu derrubalo, modificar a súa situación, enterralo…unha vez máis é a administración pública (neste caso a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia) nunha demostración dunha total desleixo, incompetencia e desafecto co patrimonio histórico-arqueolóxico dana o patrimonio integrante dun ecosistema natural de Galicia.
Dende Amigos da Terra imos solicitar aos organismos públicos responsables (Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria, Consellería do Medio Rural e do Mar e aos Concellos de Bande e Verea) a inmediata reposición ao seu estado orixinal deste monumento megalítico, a súa axeitada protección e ao mesmo tempo que se poñan en marcha actuacións que eviten feitos como o acontecido co Menhir das Catro Cruces (formación das persoas que realizan labouras no medio natural en canto a protección do patrimonio e a obriga das distintas administración públicas de coordinación das súas actuacións para evitar estes feitos lamentables e inxustificados.
O mesmo día foi denunciado polo historiador Xabier Moure no Concello e en Patrimonio, e tamén nos medios de comunicación.
http://www.laregion.es/articulo/baixa-limia/excavadora-derriba-menhir-bande/20140828081035489656.html