Dende Amigos da Terra consideramos que o prazo establecido de 15 días para recoller as observacións e alegacións ao borrador do “Proxecto de Decreto polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortizas, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na comunidade autónoma de Galicia”, que podemos realizar as organizacións e entidades representativas do sector foi un período de participación pública insuficiente.
Así mesmo, dende a organización opinamos que na elaboración do borrador do decreto de aproveitamentos nos Montes tampouco se garante a participación pública dos axentes sociais representativos do sector, eixo básico da política forestal e medioambiental da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia, xa que non foi debatido e consensuado no Consello Forestal de Galicia.
O borrador do decreto no deixa de ser unha declaración de boas intencións sen contido concreto e sen un articulado axeitado que cumpra cos criterios mínimos do que ten que ser unha xestión sustentable dos nosos montes, do fomento da multifuncionalidade dos ecosistemas forestais, ou de atopar o camiño que axude a fixar poboación no rural mediante o desenvolvemento socioeconómico ligado a xestión sustentable dos montes de Galicia.
O decreto que se pretende aprobar impide o desenvolvemento sustentable dos montes e dos ecosistemas forestais de Galicia, soamente se preocupa de facilitar os tramites administrativos para a explotación dos recursos madeireiros, non ten en conta a biodiversidade, o fomento e a creación de emprego, a conservación e a protección dos ecosistemas forestais e a biodiversidade, a conservación de elementos etnográficos-culturais, a creación dunha mínima cultura silvícola, non recolle unas esixencias mínimas que se deben esixir para podas ou aproveitamento de leñas, non recolle nada que regule os tratamentos imprescindibles en árbores adicados a produción de froito…

Ao longo do seu articulado non hai un só parágrafo adicado a:
_ Protección de elementos de valor etnográfico-cultural, xacementos arqueolóxicos…paralización, caso de ser preciso, dos aproveitamentos forestais e aviso aos servizos forestais e responsables da Consellería con competencias en cultura no caso de atopar estes restos.
_ Nin unha soa referencia á protección de fauna, especialmente en época de cría.
_ Nin unha soa referencia á protección dos canles, tanto da vexetación de ribeira ou como evitar danos a cursos de auga…
_ Non se di nada como proceder antes de comezar os traballos, -debera contactarse co axente forestal/axente medioambiental da zona en función da superficie de corta e do volume de madeira a aproveitar-.
_ Noutros decretos dos países de Europa si se recolle a paralización cautelar. -Os axentes forestais/axentes medioambientais poderán ordenar a paralización dunha corta ou aproveitamento forestal se non se axusta ao plan de ordenación, plan técnico ou autorización administrativa correspondente-.
_ Xestión dos residuos, como facelo, onde depositalos…
_ Adoptar precaucións necesarias para que non se produzan verquidos de combustibles, aceites ou graxas de maquinaria; precaucións a ter moi en conta en caso de cursos de auga.
_ Onde e como realizar as labores de mantemento, cambios de aceite e operacións similares para maquinaria pesada.
_ A maquinaria usada nas explotacións forestais con que dispositivos deben de contar e en que estado se ten que atopar, (silenciadores e filtros) minimizar a contaminación acústica e atmosférica, así como dos medios axeitados que eviten a produción de chispas…
_ Que especies de flora se deben de protexer para o fomento da biodiversidade.
_ Que facer para evitar a propagación de enfermidades e pragas asociadas as masas forestais obxecto de aproveitamento.
_ Débese regular tamén a poda de produción de froito a de mantemento. Non esquezamos en Galicia os soutos, a necesidade de conservar e mellorar estes ecosistemas forestais, aproveitamento de leñas mediante podas.
_ As podas débese regular a súa realización, incluso a súa prohibición cando o aconsellen os condicionantes meteorolóxicos.
_ Por condicionantes meteorolóxicos débense de suspender as cortas para evitar danos ao solo así como as infraestruturas.
_ Debe de recollerse no articulado de quen é responsabilidade o arranxo dos danos producidos por unha mala xestión da corta de madeira (danos evitables ao arborado, as infraestruturas, a elementos etnográficos-patrimoniais…).
_ Aproveitamento de cortizas, é aconsellable que miren a lexislación existente noutros territorios con abundante experiencia e lexislación axeitada. Non copiar sen máis, agora ben si buscar articulado adaptado aos condicionantes de Galicia que axuden a mellorar o aproveitamento das sobreiras.
_ O anterior tamén é de aplicación para o aproveitamento de cogomelos, territorios onde hai regulación para o seu aproveitamento e xestión axeitada dos cales podemos copiar e adaptar a normativa ao caso galego.
Dende Amigos da Terra vimos de solicitar que se se retire o proxecto de ” Decreto polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia” por ser inaxeitado para regular os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortizas, de pastos e micolóxicos, xa que non cumpre cos criterios dos que teñen que ser uns principios mínimos de desenvolvemento socioeconómico de Galicia como é o de fixar poboación no medio rural.
Tamén demandamos que dito decreto sexa sometido a debate dentro do Consello Forestal de Galicia para que as organizacións que integramos o mesmo poidamos facer as achegas que melloren e axuden a ter un decreto que regule de forma axeitada o aproveitamento sustentable dos montes de Galicia.
Porque los árboles y el monte NATIVO son nuestra vida