incineradora_vigo

A nova planta que rexeitou o municipio ourensán do Irixo pode asentarse na área de Vigo, tendo en conta que é a maior produtora de residuos de Galicia

Se facemos memoria, máis de vinte anos atrás, seguramente recordemos unha eterna columna de fume saíndo dos montes de Freixo, en Valadares que se podía ver de forma permanente dende moitos puntos da cidade.

Durante máis dunha década aquela fumareda constante foi parte da paisaxe, aínda que poucas persoas saben, nin sabían entón, cual era a orixe da persistente bruma multicolor que, curiosamente, desaparecía os domingos.

A resposta encontrámola subindo polas estradas de Freixo, onde podemos tropezarnos cun enorme edificio case en ruínas e de aspecto francamente sinistro. Trátase da antiga incineradora de residuos de Vigo, clausurada hai máis de vinte anos. O enorme mural xa case borrado pintado na súa fachada aínda lese, ironicamente «Por un Vigo millor».

A súa construción foi moi discreta, apurada pola xa entón inminente saturación dos vertedoiros da cidade. A previsión inicial, moi optimista, estimaba que a incineradora podería queimar a metade dos residuos que xeraba entón a cidade, unhas 140 toneladas diarias. O problema eran os fallos de deseño, o custo do combustible, a humidade dos lixos. Na práctica a media de incineración roldaba as 82 toneladas diarias, chegando a 100 toneladas se os residuos chegaban secos ou con bo combustible como plásticos e papel.

Pero como sempre a incineración sacaba o lixo das nosas portas para metela polas ventás, máxime naquela instalación que carecía das máis elementais medidas de control de contaminación. A permanente columna de fume esparexía pola cidade a mercé dos ventos a súa carga de dioxinas, furanos, óxidos de nitróxeno, dióxido de xofre, CO2, metais pesados, partículas. Así durante unha década.

Loita veciñal

 

Tras unha intensa loita veciñal e ecoloxista finalmente a incineradora de Vigo clausurouse, ou o que é o mesmo, Concello e Xunta pasaron a incinerar os nosos residuos en Cerceda, para que logo digan que non achegamos cousas á Coruña.

Pero a historia da incineración de residuos, como calquera proceso contaminante, poucas veces se pecha sen deixar pendente un epílogo como legado ás seguintes xeracións.

Tras a incineradora existe unha enorme planicie, hoxe cuberta pola vexetación invasora, sobre a que se pode (aínda que non o recomendamos en absoluto) pasear considerando unhas belas vistas da ría. Non parece natural esa inmensa montaña co seu cume explanada, e realmente non o é: en realidade trátase do vertedoiro de 300.000 toneladas de cinzas de incineración, residuos considerados como tóxicos e perigosos.

Polas súas características esas cinzas deberían terse confinado nun vertedoiro de seguridade estritamente controlado. No seu lugar sinxelamente tiráronse monte abaixo sen control ningún. E aí seguen, lixiviar lenta pero constantemente sobre Valadares, Navia, Coia, Bouzas, Alcabre e Samil, os seus organoclorados, metais pesados, hidrocarburos, compostos químicos de síntese e orgánicos persistentes, ademais do habitual en calquera vertedoiro incontrolado.

Quizais algún día unha administración municipal que decida afrontar con sensatez o problema dos residuos que xeramos (é dicir, que faga o contrario do que fixeron ata agora todas, sen excepción) recorde esa bomba de reloxaría tóxica e intente controlar os seus efectos. Non se o puxo doado o actual Concello sepultando recentemente á súa vez esas cinzas tóxicas baixo toneladas de entullos procedentes das obras do plan E.

En calquera caso esta é soamente a crónica da primeira parte desa íntima historia de Vigo coa incineración de residuos. A segunda parte está, nunca mellor dito, no aire. A Xunta acaba de facer xirar de novo o bombo nesa lotaría da situación da incineradora sur de Galicia, agora xa coñecida co nome artístico de «valorización enerxética» ou a excelente «reciclaxe térmica». Será o ámbito de Vigo a zona premiada?.

Temos moitos números: Dende o primeiro plan de residuos de Galicia (antes de que existise Sogama) xa se contemplaba a área de Vigo como a localización obvia para a incineradora sur. A lóxica indica que canto máis preto da fonte de residuos menor custo de transporte, e Vigo é a maior produtora de residuos de Galicia. Tamén temos un alcalde que actualmente apoia a incineración, aínda que é certo que anteriormente como candidato á presidencia da Xunta a rexeitaba frontalmente, aínda que tamén é certo que máis anteriormente como ministro participaba nun goberno que a apoiaba firmemente.

En calquera caso, o seu partido político di, agora, que non á incineración en Galicia, aínda que no Principado de Asturias acaba de dicir que si. En calquera caso non se trata dunha crítica partidista particular, pois analizando a historia da incineración en Galicia, que como comprobamos empezou moito antes de Sogama, podemos afirmar rotundamente que todos os gobernos municipais, centrais e da Xunta, de todas as cores sen excepción, apoiaron na práctica a incineración de residuos.

Son estas cousas as que fan tan bonita a política.