nuclear-non-gracinhas

A raíz das campañas ecoloxistas contra as verteduras radiactivas na foxa atlántica no ano 1982, o Concello de Vigo, como outros moitos municipios españois, declarouse por acordo municipal como “zona non nuclear”. Para Amigos da Terra, ao non existir ningunha decisión plenaria que revogase aquela decisión, o Concello de Vigo continúa sendo, a día de hoxe, “zona non nuclear”, polo que a proposta do BNG aprobada onte por PSOE e PP demostra novamente moito oportunismo político pero pouca memoria.

Cando a finais dos anos 90 Francia continuou o seu programa de probas nucleares en Polinesia, novamente o Concello pretendeu, aproveitando o clamor social que se xerou en contra das devanditas probas, declararse de novo zona non nuclear, e novamente os grupos ecoloxistas lles recordaron que esa iniciativa era tan oportunista como absurda, posto que xa o era dende os anos 80.

Do mesmo xeito, e xa máis recentemente, existe un acordo unánime do Parlamento Galego do ano 2006, como Proposición Non de Lei, que declara Galicia como zona desnuclearizada. A menos que o Concello de Vigo non pertenza a Galicia, dende Amigos da Terra consideramos que de facto, Vigo é por partida dobre, directa e indirecta, unha zona non nuclear.

Non obstante, o que nunca se fixo en Vigo, ao longo destes trinta anos (e iso é o que diferenciaría un compromiso antinuclear real, dun simple compromiso electoralista), é verificar o cumprimento dese acordo. Concretamente, o que fai referencia a que ademais de instalacións nucleares, Vigo tampouco podería ser zona de paso ou despregamento de armamento nuclear.

Un bo exemplo é que ao longo destes anos en moitas ocasións atracaron en Vigo buques de guerra da OTAN susceptibles de portar armamento nuclear. Endexamais, ningunha corporación, de ningún partido, tivo o valor de esixir inspeccionar eses buques para ratificar que non portaban armas nucleares e, de ser así, expulsalos da ría.