contenedor_de_fluorescentes

A punto de rematar unha lexislatura máis, a cidade de Vigo, a maior produtora de residuos de Galicia, segue sen contar cun servizo de “Punto Limpo” para a cidadanía. Ante esta situación, Amigos da Terra decidiu ofrecer no seu local un servizo público para a recollida de aceites usados, bombillas, fluorescentes e pilas.

Estes residuos, que debemos depositar nos puntos limpos, son residuos cotiáns pero que presentan moitos problemas para a súa correcta xestión pois o seu potencial contaminante é moi elevado, por iso, é importante que non vaian aos vertedoiros, nin se boten polos sumidoiros.

Co fin de ofrecer este servizo inexistente en Vigo, o local da asociación (rúa Policarpo Sanz nº 17 1º D) estará dispoñible, en horario de 9.00 a 14.00 horas, para todos os cidadáns/as interesados/as en xestionar estes residuos da forma máis axeitada.

Non obstante, e ante todo, temos que ter en conta que o mellor residuo é aquel que non se produce. Como consumidores e consumidoras conscientes, a nosa primeira opción debería ser reducir o uso daqueles produtos que presentan problemas ambientais e sociais.

Podemos seguir estes consellos:

  • Substituír as lámpadas incandescentes e os tubos fluorescentes convencionais por bombillas de aforro enerxético compactas.
  • Buscar preferentemente aparellos que usen pilas en lugar de baterías, e que estas pilas sexan recargables, pero sobre todo minimizar no posible o uso das pilas.
  • Nunca verter aceites polos sumidoiros. E máis saudable o uso de aceites ecolóxicos. Os prezos son algo maiores, pero a súa calidade fai que se poidan reutilizar con maior frecuencia con menor perda de calidade. Así mesmo, se pode compensar a diferenza de prezo usando unha menor cantidade dos mesmos.

Dende Amigos da Terra consideramos que estas pequenas medidas, para estes tres tipos de residuos concretos, se traducen nun notable beneficio ecolóxico sen reducir a nosa calidade de vida, pero son ademais medidas eficientes que se traducen en aforro económico nos fogares.