buitrevigo

Amigos da Terra denuncia que o Voitre “Vigo”, nacido no zoo vigués cambiará o tamaño da súa gaiola, pero nunca voará en liberdade. O equipo técnico do zoo vigués domesticouno, converténdoo nunha mascota e facéndoo irrecuperable para a súa liberación na natureza.

O tan anunciado “grande éxito” de Vigozoo traducirase finalmente nun rotundo fracaso que se salda neste caso con outra vítima inocente, o infeliz voitre, condenado a cadea perpetua pola incompetencia do equipo técnico do zoo vigués. “En Vigozoo, tras tantos anos dedicados a domesticar animais silvestres, para encerralos en gaiolas de por vida e degradados á condición de espectáculo de circo, son incapaces de entender que no caso deste voitre se trataba de facer exactamente todo o contrario, e o peor, é que nin o entenden, nin saben como facelo, declarou Antón Lois, vogal de comunicación de Amigos da Terra.


A súa situación é irrecuperable, xa que ao non identificar ao ser humano como un potencial perigo, máis ben ao contrario, a súa “educación” en permanente contacto cos humanos, o condiciona para ver nas persoas unha fonte doada e segura de subministración de alimento.”A súa primeira reacción na natureza, ao ter que disputar a comida cos seus compañeiros de especie, autenticamente silvestres, será achegarse a calquera persoa solicitando alimento. Non sabe que é un voitre, porque o seu proceso formativo proporcionaronllo os humanos e é aos humanos aos cales identifica como a súa familia“, manifestou Lois.

A asociación contactou directamente con Black Vulture Conservation Foundation (BVCF) de Mallorca, entidade á que Vigozoo enviará o buitre, informándoos das irregularidades do protocolo da cría deste. A súa resposta foi moi clara, “polos contactos que mantemos con Vigozoo…imaxinabámonolo”.


Paralelamente, fontes internas do propio Vigozoo confirmaron a Amigos da Terra o que xa era unha evidencia mostrada reiteradamente a través dos medios de comunicación e os propios vídeos divulgados polo zoo, nos que se aprecia esta domesticación, sobre todo nas declaracións da súa coidadora “cos demais aínda non ten tanta confianza, pero a min xa me coñece” mentres o dá de comer na man.

A constante presenza humana que o acompañou dende o seu nacemento e o permanente contacto directo con seres humanos, provocaron no voitre “Vigo” a súa impregnación e troquelado, o que contradí absolutamente todos os protocolos de cría en catividade para reintrodución na natureza de fauna silvestre. Na Black Vulture Conservation Foundation (BVCF) intentarán reverter ese proceso e “asilvestrar” a este voitre, que Vigozoo lles enviará domesticado. Aínda que o proceso é xa irreversible e confiamos que a BVCF non cometerá a grave irresponsabilidade de intentar introducilo na natureza.

Así mesmo, dende a asociación recordamos que no momento de nacer o voitre, Vigozoo se encontraba novamente cunha ameaza de peche por incumprir reiteradamente todas as prórrogas extraordinarias concedidas para adaptarse á normativa europea, circunstancia que segue sucedendo. Nese contexto, necesitaba desesperadamente un éxito para publicitarse ante a opinión pública, e fixérono a custa de condenar a cadea perpetua o voitre leonado. “Definitivamente, un voitre que, como amosan as imaxes de Vigozoo, non mostra temor nin agresividade ante o contacto co Alcalde non ten ningunha posibilidade de sobrevivir na natureza“, conclúe Antón Lois.