riosil2

O pasado mes de xuño, Amigos da Terra solicitou a Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, información ambiental sobre o estudo que dito organismo ía elaborar para determinar o caudal ecolóxico das concas fluviais da súa competencia.

En relación coas explotacións hidroeléctricas, independentemente do réxime competencial que disfruten, o tema dos caudais ecolóxicos son unha das principais fontes de conflicto entre empresas, administracións e ecoloxistas posto que non queda garantida a preservación e conservación do contorno onde se emprazan ditas construcións.

A este respecto, Amigos da Terra pregúntase se este informe sobre os caudais ecolóxicos dos ríos galegos será un documento vinculante ou so un estudo que recolla as necesidades ambientais dos citados ríos, por outro lado, tan necesario. Ademais, se unha empresa hidroeléctrica quere levar a cabo unha construción nun río cuxa competencia é exclusiva da administración autonómica pero esa obra debe someterse a o estudo preceptivo de avaliación ambiental, como vai facer a administración galega para impor ese criterio do mantemento dun caudal ecolóxico mínimo se finalmente o informe ambiental é avaliado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.

En canto á contestación enviada por Augas de Galicia a Amigos da Terra, cabe destacar a información sobre o rexime de caudais ecolóxicos que se desenvolverá en 3 fases: desenvolvemento de estudos técnicos (coñecemento de caudais mínimos e máximos, distribución temporal, caudais de avenida e taxas de cambio), proceso de concertación (información, consulta pública e participación activa) e proceso de implantación e seguemento adaptativo.

Esta información ven a completar o proceso de participación pública aberto por Augas de Galicia sobre o borrador do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa no que participan Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega.

Para ver o texto completo, pincha aquí