En setembro do presente ano, varias asociacións ecoloxistas galegas, asinaron un escrito común que dirixiron á Dirección Xeral de Conservación da Natureza solicitando información sobre o estado de tramitación no que se atopaba o borrador da Lei de Protección e Benestar Animal de Galicia co fin de exercer o dereito á participación pública que promove o Convenio Aarhus.


Este Convenio, trasposto ao ordenamento xurídico español a través da Lei 27/2006, de acceso á información ambiental, dereito á participación pública e dereito de acceso á xustiza, promove, como un dos seus principais obxectivos, ese dereito de participación en plans e programas que inciden o poidan incidir directa ou indirectamente no medio ambiente.

A Lei de Protección e Benestar Animal, que xa no outubro do ano pasado anunciárase a pronta publicación do borrador polo Conselleiro de Medio Ambiente, supón un compromiso do executivo galego de cara ao aumento da protección dos dereitos dos animais na comunidade galega que, ata o de agora, se rexe pola antiga lei de 1993 que non reflicte o aumento da concienciación da cidadanía cos animais. Esta lei contén un feble articulado que, lonxe por riba de ser cumprido, é continuamente transgredido pola administración e polos particulares.

A impunidade e falta de aplicación da normativa referida á protección dos animais, é o denominador común entre aquelas institucións que carecen dunha total sensibilidade fronte ás principais vítimas, que son os animais.

Pero, lonxe de apelar á sensibilidade da administración, Amigos da Terra esixe o cumprimento da normativa regulada. Por un lado, a efectiva aplicación dos artigos da lei de protección animal vixente e, polo outro, o envío de resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tal e como obriga a lei 27/2006, que establece o prazo dun mes para executar dito envío.

Día Internacional dos Dereitos dos Animais

Amigos da Terra levou a cabo unha xornada informativa en Ourense moi exitosa. Achegáronse a solicitar información e asinar por “Ourense” como “cidade amiga dos animais”, un gran número de cidadáns.

Este resultado é o reflexo da ampla concienciación de moitos ourensanos que premen así, ao concello para que adquira un maior grado de compromiso coa protección dos animais na nosa cidade.

Graciñas a todos os voluntari@s de Amigos da Terra que fixeron posible esta xornada!