Traballamos en incidencia política e educación ambiental para mobilizar á cidadanía e lograr unha políticas que reduzan o consumo de recursos naturais e aproveiten os residuos xerados.

Levamos máis de 15 anos denunciando os problemas derivados da sociedade de consumo no referente á xeración de residuos e esgotamento de recursos naturais, promovendo alternativas á súa xestión, que pasan, sen dúbida, por un cambio de dimensións estratéxicas nas políticas públicas, pero tamén por un cambio nos hábitos cotiás de galegos e galegas.

A raíz do problema reside na promoción dun modelo de crecemento baseado no consumo. Na nosa sociedade do “usar e tirar” o incremento dos residuos é proporcional ao crecemento da riqueza.

Promovemos:

Lexislacións e estratexias políticas que modifiquen o actual modelo produtivo e comercial para limitar o espolio de recursos naturais: a fabricación de produtos duradeiros susceptibles de ser reciclados, sistemas de xestión de residuos baseados na reutilización e a reciclaxe, a prohibición da obsolescencia programada e percibida, así como alongar as garantías dos produtos.

Retorno de envases. Este sistema consiste en devolver os envases directamente aos comercios, como facíamos non hai tanto tempo cos cascos das botellas. As porcentaxes de reciclaxe nos países onde xa funciona alcanzan o 98%, como no caso de Alemaña.

Compostaxe. A través desta técnica podemos transformar os nosos residuos orgánicos en abono de gran calidade. Pode ser coa implantación da compostaxe doméstica e de plantas de compostaxe para aproveitar os residuos orgánicos domésticos ou a través da Agrocompostaxe para os agrogandeiros e forestais.

As formacións en Mestria en compostaxe que desenvolvemos en Amigas da Terra capacitan ás persoas para poder desempeñar unha labor profesional na xestión de birroresiduos. Levamos máis de 15 anos demostrando que a compostaxe é a mellor opcion para a xestión dos biorresiduos de todos os concellos galegos.

Eliminación de produtos dun so uso: Envases, bolsas e produtos de usar e tirar poden substituírse por produtos de longa duración susceptibles de ser reutilizados.

Incentivos fiscais para acabar coas incineradoras e os vertedoiros

Modificación do deseño ou desparición do mercado dos residuos non reutilizables nin reciclables.

Separación en orixe. Todos os residuos susceptibles de ser reciclados deben ser separados pola cidadanía no punto no que se xeneran. Co fin de lograr porcentaxes máis altas de reciclaxe é necesario fomentar sistemas de recollida como a separación Porta a Porta ou o 5º Contedor pechado.

Que podo facer eu?

Antes de comprar nada, pensa se  o necesitas, se tes a opción de pedilo prestado ou atopalo en tendas de segunda man.

Escolle produtos baseándote en criterios ambientais, sociais e lóxicos.

Foxe dos produtos sobreenvasados, tenta comprar a granel ou elixe o produto con menos envases.

Reutiliza todo o que poidas, moitas veces non sabemos nin que temos en casa, seguro que redescubres obxectos que podes seguir utilizando.

Di non aos produtos de usar e tirar, leva sempre contigo unha bolsa de tea ou a túa alternativa duradeira (tupers, botes, palliñas de metal, cubertos de aceiro).

Se tes que desfacerte dalgún obxecto, lévao a un mercadillo de troco a unha tenda de segunda man, dóao, e se xa tes que tiralo, separa o teu lixo: contedores de reciclaxe, punto limpo e por último o cubo de restos.

Repara os teus obxectos, aprende nun Café repair dos que organizamos, cómpraos de segunda man… Podes consultar o noso directorio con este tipo de tendas, entra en Alargascencia.org.

Descarga o noso manual de compostaxe e transorma todos os teus bioresiduos en alimento para a túa horta ou xardín.

Ademais, podes participar das actividades da Comunidade Residuo Cero de Amigas da Terra, nas que organizamos trocos de roupa, accións de rúa contra a moda rápida, obradoiros sobre limpeza sen tóxicos, quedadas para reparar obxectos, e moito máis!