A cooperación ao desenvolvemento é un proceso íntimamente vinculado ao medio ambiente, polo que ningunha acción dentro deste ámbito poderá fomentar un desenvolvemento humano e perdurable se non é baixo a condición da sostibilidade. Nunha contorna de recursos finitos, sobreexplotados e degradados, onde a escaseza e a competencia polos mesmos constitúe unha ameaza á convivencia pacífica dos pobos; a procura dun modelo de desenvolvemento que considere os límites naturais do crecemento preséntase como única alternativa para o desenvolvemento e a gobernanza globais.

A partir desta premisa, Amigas da Terra inicia ou seu traballo en cooperación no ano 2004 na rexión do Golfo de Fonseca, en Centroamérica. Dende ese momento ata a actualidade a presenza de Amigos da Terra foi ininterrompida, executando proxectos diversos en varias áreas xeográficas dos tres países cos que limita o Golfo: Honduras, El Salvador e Nicaragua.

Amigos da Terra CooperaciónLevamos a cabo programas de protección, recuperación e xestión responsable e participativa dos recursos naturais en cuxa explotación se basean a maior parte das actividades de produción e subsistencia das comunidades, tales como a pesca artesanal ou a agricultura.

Contamos con ampla experiencia en accións de capacitación e concienciación da poboación local en canto á conservación da contorna ou a eliminación de malas prácticas (sobreexplotación pesqueira, uso inadecuado dos solos, contaminación, etc) que provocan a degradación dos recursos e xeran empobrecemento e situacións de vulnerabilidade alimentaria.

En todos os proxectos se introducen iniciativas de xestión comunitaria e participación da poboación e os actores locais nos espazos de decisión. Neste sentido, impulsamos o traballo con municipalidades, alcaldías, ministerios (é dicir, con todos os niveis políticos territoriais) así como con cooperativas agrarias e pesqueiras e outras agrupacións que, grazas aos resultados dos proxectos, traballan coordinadamente cos decisores políticos.

Os principais eidos de actuación dos proxectos de cooperación de Amigos da Terra son os seguintes:

  • Recuperación, protección e xestión sustentable do ecosistema de manglar
  • Posta en marcha de iniciativas de agricultura ecolóxica familiar e comunitaria
  • Promoción da pesca e a acuicultura artesanais e sustentables
  • Mellora do acceso a un auga de calidade

Educación para a Transformación Social

Ademais dos proxectos de cooperación, Amigas da Terra desenvolve actuacións de “Educacion para a Transformacion Social” (EpTS). A partir do concepto de “cidadanía global”, este enfoque conecta as realidades do Norte e do Sur empobrecido, promovendo procesos educativos que xeren unha cidadanía comprometida en accións de transformación social a favor dun desenvolvemento humano xusto, equitativo e sustentable en calquera lugar do mundo.

O marco de actuación neste eido está definido pola actual “Estratexia de Educación para a Transformación Social” (2023) que ven a completar e actualizar a “Estratexia de Educación para o Desenvolvemento” que Amigas da Terra elaborou no 2015.

Máis concretamente, Amigas da Terra concibe a EpTS como un proceso socio-educativo continuo e encamiñado a promover o desenvolvemento dunha cidadanía crítica e responsable, consciente das desigualdades globais (de carácter ambiental, social e económico) e comprometida na loita para eliminalas. Unha ferramenta de empoderamento da cidadanía promovendo o cambio de sistema a través do cuestionamiento dos privilexios e as desigualdades actuais, como o patriarcado e as inxustas relacións de explotación dos recursos naturais nas que se basean as actividades económicas (no interno das sociedades e entre o Norte e o Sur Global).

Amigas da Terra conta con 2 programas referentes en Galicia neste ámbito:

Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida. É un proxecto realizado por Amigas da Terra Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia que busca, da man de mulleres activistas e defensoras da vida e da terra hondureñas e galegas, dar a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos extractivistas en Honduras e Galicia e ofrecer alternativas sustentables para acadar outros camiños de produción e consumo. O programa xira arredor das visitas de mulleres hondureñas a Galicia. Nestas viaxes artéllanse encontros entre activistas dos dous lados do Atlántico e xéranse espazos de loita común nos que propoñer, aprender unhas doutras e arrincar un cambio de paradigma.

https://mulleresbravas.gal/

Rede de Eco Hortas Escolares. É unha rede de traballo que posibilita o traballo conxunto e o intercambio de experiencias entre centros educativos que contan cun proxecto de horta, empregándoo,como laboratorio vivo no centro educativo e como un elemento globalizador das diferentes áreas do coñecemento. Achégamonos ao cultivo de alimentos cun enfoque de sostibilidade global, integrando outras temáticas ambientais, e traballando outros ámbitos e habilidades. No curso 2024-2025 está conformada por 14 centros educativos galegos.

https://ecohortasescolares.gal/

Ademais destes programas, en conxunto con Amigas de la Tierra España, Amigas da Terra desenvolve o proxecto “Cara a unha a transición agroecolóxica do modelo agroalimentario global“, financiado pola AECID. Neste proxecto pretendemos fortalecer as capacidades da poboación española para a construción dun modelo alimentario saudable, xusto e sostible..Talleres agroecolóxicos, elaboración dunha guía sobre patróns alimentarios para unha dieta climáticamente sostible e celebración dunha xira dunha defensora do medioambiente e do territorio hondureña en España, son algunhas das actividades realizadas no marco do proxecto.