apagar-luzEuropa debe comprometerse a polo menos un 40% de redución de gases de efecto invernadoiro para 2020 sen compensación de carbono, sinalou Amigos da Terra Internacional antes da reunión de Xefes de Estado europeos que ten lugar en paralelo ás negociacións de clima da ONU en Copenhague.

A reunión do Consello Europeo do xoves 10 e do venres 11 de decembro en Bruxelas discutirá o cambio climático e os obxectivos de redución de emisións para a UE, o que repercutirá nas actuais negociacións internacionais.

A Unión Europea até a data comprometeuse a reducir as súas emisións en 20% para 2020, e prometeu aumentar esta meta ao 30% suxeita aos compromisos doutros países. Ambos os obxectivos son inadecuados, inclúen unha gran cantidade de parches e trucos ineficaces, como a compensación, que non permitirían unha solución xusta á crise climática.

Os gobernos europeos aínda non solucionaron como contar as emisións dos bosques e como tratar os chamados créditos excedentarios de emisións de “aire quente”, que poderían ter un gran impacto nos obxectivos da UE.

Nnimmo Bassey, presidente de Amigos da Terra Internacional dixo: “Os países africanos están entre os máis afectados o cambio climático, aínda que son os que menos contribuíron ao mesmo. Os africanos esiximos unha redución de emisións de polo menos 40% sen compensación de carbono en Europa e en todos os demais países desenvolvidos que se enriqueceron emitindo os gases que son a causa do problema”.

Sonja Meister, coordinadora da campaña de clima de Amigos da Terra Europa, dixo: “Europa debe aumentar o seu compromiso e acordar polo menos un 40% de redución de emisións para 2020 a nivel nacional. Ao mesmo tempo, os gobernos europeos deben resolver todos os baleiros legais que farían que as metas resultasen insignificantes. Lograr reducións de polo menos un 40% en Europa para 2020 é técnica e economicamente posible – non hai escusas para que os gobernos non actúen xa”.

“Os mozos de Amigos da Terra están a dicir á UE que aumenten as súas metas. Para evitar o perigoso cambio climático Europa debe tomar medidas ambiciosas de redución de emisións e fondos de clima para os países máis vulnerables do mundo e as futuras xeracións. Existen solucións reais ao cambio climático ? as falsas solucións como a compensación de carbono deben ser rexeitadas”, di Job van dean Assem, activista dos mozos de Amigos da Terra.

Un estudo realizado polo Instituto de Medio Ambiente de Estocolmo en asociación con Amigos da Terra Europa mostra que unha redución de polo menos 40% nas emisións en Europa para 2020 é posible e alcanzable [1].

É a escala e a velocidade mínima de reducións que a ciencia afirma que son necesarias para que os países ricos eviten os peores impactos do cambio climático, e é o tipo de reducións profundas necesarias para que os países desenvolvidos paguen a súa débeda climática e fagan posible un acordo mundial sobre clima xusto e efectivo.

Amigos da Terra Internacional tamén esixe que a UE asuma un forte compromiso económico de pagar parte dos fondos que necesitan os países non industrializados para mitigación, transferencia tecnolóxica e adaptación. Debe ser un diñeiro público e adicional á axuda existente para o desenvolvemento. Os compromisos de curto prazo por si sós non deixarán conformes aos negociadores dos países non industrializados en Copenhague. Necesítanse fondos a longo prazo para que os países máis afectados polo cambio climático, e á súa vez os menos responsables poidan adaptarse de forma limpa.

Os fondos han de ser administrados pola CMNUCC nun fondo central, sinalou a maior rede ambientalista do mundo. Calquera financiamento que non proveña da ONU, incluso os fondos de clima do Banco Mundial e calquera transferencia financeira realizada como parte de estratexias de compensación de carbono non deberían contar como cumprimento dos compromisos dos países industrializados.

Até o momento os líderes da UE non puxeron sobre a mesa unha oferta financeira firme, aínda que os países en desenvolvemento xa están a sufrir os efectos do cambio climático.

NOTAS

[1] Un novo estudo publicado por Amigos da Terra Europa e o Instituto de Medio Ambiente de Estocolmo o 1° de decembro demostra por primeira vez que Europa podería lograr polo menos 40% de redución de emisións a nivel nacional para 2020 sen recorrer a falsas solucións como agrocombustibles, enerxía nuclear, ou captura e almacenamento de carbono.

O informe completo “A responsabilidade de Europa no cambio climático: Accións Nacionais e Obrigacións Internacionais para Protexer o Planeta” está dispoñible en:

www.foeeurope.org <http://www.foeeurope.org/> e

www.sei-international.org/climateshareeurope