
O pasado 22 de novembro foi localizado un verquido de augas fecais no río Loña á altura do concello de Pereiro de Aguiar. O denunciante achegou a Amigos da Terra fotografías dos feitos, que foron remitidas ao concello para que investigue dita vertedura, orixe e autoría.
Estas augas contaminadas chegan ao encoro de Cachamuíña, encoro que leva as augas polas que se abastece á poboación ourensá. Se ben é certo que antes de chegar ás billas de auga da poboación, aquelas pasaron pola depuradora o cal lles outorga a calidade necesaria que as convirte en potables.

A pesar de que nesta ocasión queda garantida a salubridade das augas, Amigos da Terra denuncia a reiterada falta de control dos órganos administrativos sobre un ben tan prezado como é a auga. Presúmese que o verquido ten a súa orixe nas malas prácticas de particulares, ben por descoñecemento de estar realizando un feito ilegal ou ben pola pouca concienciación derivada da falta de coñecemento da importancia de mantér un axeitado entorno ecolóxico.

O Real Decreto Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas, define os verquidos coma “…os que se realicen directa ou indirectamente nas augas continentais, así como no resto do dominio público hidráulico, calquera que sexa o procedemento ou técnica utilizada. Queda prohibido, con carácter xeral, a vertedura directa ou indirecta de augas e de produtos residuais susceptibles de contaminar as augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico, […]”.

A lei é clara, contaminar é un feito prohibido e sancionado. E neste senso, unha vez máis, o cidadán xoga un importante papel denunciando ou alarmando dunha situación irregular porque esta, ademais, puidera devir dun xeito irreversible de cara a conservación do medio ambiente.