091113_manifazaragoza

Organizacións de consumidores, ecoloxistas, agrarias, rurais e ONGD recordan que sen agricultores e gandeiros non hai futuro para os pobos.

A Plataforma Rural / Alianzas por un Mundo Rural Vivo, que agrupa a organizacións de consumidores, agricultores, ecoloxistas, movementos rurais e ONGD de todo o Estado entre as que se atopa Amigos da Terra [1], mostra o seu apoio ao paro xeral do campo e ás mobilizacións convocadas polas organizacións agrarias para os días 20 e 21 de novembro. A grave crise que atravesa o campo ten como causa fundamental o desmantelamento da actividade agraria, que xeraba emprego e sostiña o tecido social rural. E sen agricultores/ás e gandeiros/ás non hai futuro posible para os pobos.

Tal e como mantén COAG, unha das organizacións convocantes do paro agrario, Plataforma Rural considera que as causas reais da desaparición de miles de agricultores/ás e gandeiros/ás son a desregulación dos mercados, o afundimento constante dos prezos agrícolas e gandeiros ( sempre por debaixo dos custos reais de produción) e a aplicación das sucesivas reformas da Política Agraria Común (PAC) para seguir os ditados da Organización Mundial do Comercio (OMC) e do conxunto dos organismos multilaterais, enfocados a un apoio decidido ao modelo agroalimentario baseado no productivismo ilimitado e agro-exportador.

Jeromo Aguado, Presidente da Plataforma Rural afirmou “Sen agricultores/as e gandeiros/as, quen producirá os alimentos?, como se asegurará a soberanía alimentaria da poboación?, quen vai xestionar os montes, a terra ou o gando? Temos que dicir non á desaparición de máis agricultores/as e gandeiros/as, que son unha parte fundamental do futuro dos nosos pobos. “

Dende Plataforma Rural entendemos que mentres teñamos agricultores/as e gandeiros/as teremos a posibilidade de:

  • Generar alternativas a un modelo agroalimentario que conseguiu facer dun ben básico como a comida, unha mercadoría para especular nos mercados internacionais.
  • Manter e recuperar unha parte importante da nosa cultura rural.
  • Transmitir a través dos coñecementos da xente do campo as prácticas agroecológicas que fan compatible a actividade agrogandeira coa conservación do medio.
  • Recuperar e manter a biodiversidade agronómica, co manexo de centos de sementes locais e de razas autóctonas.
  • Manter e recuperar a práctica dunha agricultura local e campesiña.
  • Facilitar a volta ao campo e ao medio rural de miles de persoas que desexan emprender unha vida nos pobos.
  • Impedir que as transnacionais da agroalimentación gañen a batalla de facer da agricultura e da alimentación unha mera mercadoría, ao servizo dos intereses económicos dunha minoría.
  • No perder a esperanza dun mundo rural vivo.

Plataforma Rural séntese solidaria con todos o agricultores/as e gandeiros/as que viven do esforzo cotián coas tarefas do campo e que nestes momentos atravesan unha situación difícil e acudirá polo tanto ás mobilizacións.

Notas:

[1] Plataforma Rural é unha alianza agricultores/as, consumidores/as, ecoloxistas e ONGs para un mundo rural vivo. Conforman esta alianza: Amigos de la Tierra, Cáritas Española, CAS – Colectivos de Acción Solidaria, CECU-Confederación de consumidores y usuarios, CERAI, CIFAES-Universidad Rural Paulo Freire en Tierra de Campos, COAG-Coordinadora de Agricultores y Ganaderos, Colectivo Tierra de Campos, Ecologistas en Acción, Entrepueblos, Jóvenes Rurales Cristianos, Movimiento Rural Cristiano, Mundubat, Red África Europa, Red de Semillas, SEAE-Sociedad Española de Agricultura Ecológica, SOC-Sindicato de obreros del campo y del medio rural de Andalucía, Sodepaz, Universidad Rural Paulo Freire, Veterinarios sin Fronteras, Xarxa de Consum Solidari, Fundación EMAUS, CIC BATA.

Declaración completa