091119_diamundialhabitatHoxe, primeiro luns de outubro, celebramos o Día Mundial do Hábitat, instituído pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas en 1986. O principal obxectivo desta conmemoración é reflexionar sobre o estado dos nosos pobos e cidades, e sobre o dereito a unha vivenda digna. Así mesmo, búscase concienciar os gobernos e cidadáns sobre a súa responsabilidade de asegurar un mundo habitable para as xeracións futuras.

O lema deste ano é “Planificando o noso futuro urbano”,  lema que busca concienciar sobre a necesidade de mellorar a planificación urbana e deste modo facer fronte aos novos e grandes desafíos do século XXI. Hoxe en día, tanto nos países desenvolvidos como nos que se atopan en vías de desenvolvemento, séntense os efectos do cambio climático, o esgotamento dos recursos, a inseguridade alimentaria, o crecemento demográfico e a inestabilidade económica.

Con máis da metade da poboación do mundo vivindo en zonas urbanas, non hai dúbida que a axenda urbana, chegará a ser cada vez máis unha prioridade para os gobernos, as autoridades locais e socios non gobernamentais de todo o mundo.

Debemos darlle un novo enfoque á planificación urbana e actuar canto antes, despois de todo, coñecemos os problemas, só temos que compartir as mellores solucións, mediante unha mellor e máis sensible planificación para nós e o noso medio.