090921_basuracontenedor

A pasada semana e con motivo da exposición pública do documento de inicio do Plan Galego de Residuos Sólidos urbanos de Galicia, os colectivos ecoloxistas: Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega (composta por 17 grupos ecoloxistas do país) reunímonos co Conselleiro de Medio Ambiente co fin de presentarlle as nosas alegacións ao Plan e propoñerlle, cales deberían ser as principais liñas de traballo para unha xestión preventiva e sustentable dos residuos sólidos urbanos galegos.

 

O documento de inicio do Plan, debe xustificar a necesidade dun Plan de Xestión e establecer as directrices xerais do mesmo. A valoración que os colectivos ecoloxistas facemos deste primeiro documento tan xeral, é dunha incerteza preocupante, referíndonos concretamente o aspecto da valorización enerxética, que sigue aparecendo como un obxectivo do plan, e polo que o Conselleiro, parece seguir apostando.

 

Así mesmo, os obxectivos de valorización material son moi escasos, especialmente os da materia orgánica; o plan marca un 20% de recuperación a 2020, cando sistemas como o de Lousame, amosan que se pode acadar un 65% de recuperación e noutras comunidades chegase incluso ata un 80%.

 

En definitiva, en contraposición ó modelo Sogama, os colectivos ecoloxistas, defendemos un modelo de xestión, próximo á cidadanía, sinxelo e onde o principal investimento estea dirixido cara a prevención de residuos.