
Amigos da Terra, a Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega, criticamos a construción de novos centros de Educación Ambiental, como é o caso do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, en detrimento dos xa existentes, os cales apenas reciben apoio da administración para sacar adiante os seus proxectos educativos.
Con data do 7 de setembro, saíu publicado no BOE a aprobación do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e a Comunidade Autónoma de Galicia para a construción do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, centro que terá a súa sede na cidade de Ourense e que custará máis de sete millóns de euros, unha cifra totalmente desproporcionada para unha instalación innecesaria na nosa comunidade.
Na actualidade existen en Galicia máis dun cento de Equipamentos de Educación Ambiental públicos e privados. Sen embargo, a reiterada inversión na construción de macrocentros segue primando sobre ás moi necesarias inversións na xestión, dotación e mantemento dos centros de Educación Ambiental xa existentes (moitos de eles da propia administración galega), que son sistematicamente infrautilizados e ignorados e desenvolven a súa labor nunhas condicións xeralizadas de precariedade e falta de recursos e dotacións.
Os Equipamentos de Educación Ambiental en Galicia levan moitos anos sen ningún tipo de regulación e/ou atención por parte das autoridades competentes, desenvolvendo a súa función sen apenas medios materiais e humanos para ilo. Sen embargo, as mesmas administracións que ignoran por completo as necesidades de dotación de recursos humanos e materiais dos centros, así como a súa correcta xestión e regulación, insisten na construción de novas infraestruturas que, ante a falta de inversión para o seu funcionamento, quedan sen uso ao pouco tempo. Sirva como exemplo o Centro de Interpretación da Natureza das Gándaras de Budiño: construído en 2002 cun custo de 470.000 € financiados na súa maior parte con fondos europeos, que non chegou a inaugurarse nin nunca cumpriu a súa función xa que non foron habilitando fondos nin para a dotación material nin para a contratación de persoal (na actualidade, o concello de Porriño propuxo a demolición deste centro á vista do seu irremediable deterioro).
Consideramos unha incongruencia e unha insultante dilapidación de fondos públicos iniciar novos proxectos de Educación Ambiental sen garantir e asegurar a súa finalidade e continuidade. Por este motivo, nos preguntamos cal é a finalidade real deste centro… Hai realmente un proxecto educativo? Seguiranse criterios de bioconstrucción? Terase en conta a opinión dos profesionais en Educación Ambiental na súa construción e xestión? Ou pasará o mesmo con este gran proxecto que con moitos outros: se construirá, funcionará un tempo e finalmente rematará sendo outra gran construción baleira na que se investiron moitos millóns para nada.
Non podemos deixar de preguntarnos si, en lugar de gastar no ladrillo, non sería mellor inverter en campañas de concienciación cidadá, en plans de conservación para especies protexidas, no estudo e protección dos espazos naturais, na promoción de procesos participativos nos que incorporar á cidadanía na toma de decisións ou no apoio dos programas e centros de Educación Ambiental existentes.
Dende Amigos da Terra, a SGEA e a FEG queremos denunciar a inutilidade e a incoherencia deste tipo de macroinfraestructuras insostibles, feitas con fins unicamente electoralistas ou megalomaníacos que para nada buscan artellar unha estratexia realmente eficaz da xestión dos equipamentos de Educación Ambiental galegos, e contribuír así a unha sociedade máis xusta e responsable para co medio ambiente.