
Co mesmo espírito que a existente Coalición Clima a nivel estatal, xurde a Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa de Amigos da Terra, Verdegaia e Greenpeace e cun afán de acción e mobilización eminentemente autonómicos.
A loita contra a mudanza climática está moi pouco presente na axenda social e política de Galicia, mesmo na dos movementos sociais alternativos, aínda que, nalgúns casos comézanse a vincular loitas locais coas alteracións climáticas.
Segundo recentes informes científicos quedan poucos anos para actuar de cara a evitar unha mudanza climática de consecuencias catastróficas. Galicia é parte da crise climática global e debe asumir a súa responsabilidade na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, apostando por unha economía baixa en carbono, sustentable e xusta.
Para contribuírmos a fortalecer a resposta política e social ao desafío do cambio climático nace a Alianza Galega polo Clima.
A alianza está aberta a calquera organización social interesada en sumar forzas nesta loita…porque é tempo de actuar!