Amigos da Terra critica a ineficacia administrativa á hora de salvagardar os recursos hídricos galegos vítimas de continuos vertidos por instalacións industriais.
Fonte: río Arenteiro.Ecovixías Amigos da Terra 2006
As canles fluviais galegas veñen sendo obxecto de continuos vertidos incontrolados procedentes da incorrecta xestión de instalacións que baixo o amparo de “accidentes fortuítos”, como declarou recentemente o Conselleiro de Medio Ambiente en relación ao vertido do río Verdugo, disimulan a clara intencionalidade de verter aos ríos por motivos de xestión da propia empresa ou por obsolescencia ou falta de revisión das instalacións o que conleva á causación continua de danos ambientais a un recurso vital e limitado como é a auga.
Fonte: Amigos da Terra. Limpeza río Lonia. 2005

As consecuencias xurídicas de tales vertidos non traspasan a apertura dun expediente sancionador ou da imposición dunha mera sanción económica que, en moitos casos, non posúe o carácter exemplarizante que é de esperar deste tipo de penas por feitos que ben deberan cualificarse como delitos ecolóxicos cuia penalización é maior establecéndose inclusive penas de prisión.
Fonte: Amigos da Terra. Río Arnoia. 2006

Amigos da Terra anunciaba, logo de vertidos tan alarmantes como o que se produciu ao río Umia no 2006, a necesidade dunha maior intervención e máis activa das Fiscalías de Medio Ambiente para iniciar de oficio as investigacións tendentes a clarificar os autores dos feitos e sancionalos debidamente obrigándolles asemade, á reparación do mal causado pero, sobre todo, o colectivo demandaba á Administración un maior control tendente á evitación de ditos feitos.
Fonte: Amigos da Terra. Regueiro Toén. 2007

Neste senso, no ano 2006 contribuiu mediante unha listaxe de vertidos a ríos galegos, na elaboración do Plan de Control de Vertidos da Xunta de Galicia. Mediante este Plan pretendeuse facer un inventario de vertidos a través do que se detectaron 2.641 vertidos a dominio público no ámbito territorial de Galicia-Costa e, ademais, pretendía dito Plan, presentar un documento que previra medidas de actuación. O Plan viu a luz en setembro de 2007. Case 2 anos despois, a inoperancia e ineficacia das administracións galegas continua, xerando problemas con gravisimas consecuencias ambientais e de saúde para as persoas.
Fonte: Amigos da Terra. Río Barbaña. 2008

A lexislación sobre a protección das augas é abundante, pero non está debidamente aplicada. Esta inaplicabilidade xurídica supón que as medidas coercitivas perden a súa idoneidade a prol do continuo impacto nos ríos por verteduras incontroladas.