Amigos de la Tierra publica un informe no que analiza os diferentes modelos de recollida selectiva de materia orgánica no Estado Español.
Recoller separadamente a fracción orgánica dos residuos municipais é ineludible para lograr acadar os obxectivos marcados pola Unión Europea, reciclar o 50% dos residuos en 2020. Cada vez máis rexións e municipios, como a Comunidade Foral de Navarra ou os concellos de Madrid e Valencia, tomaron conciencia desta necesidade, para facer compostaxe de calidade e evitar a eliminación de recursos.
Amigos da Terra presenta este informe, “A recollida selectiva: a porta para a compostaxe”, para dar a coñecer entre os diferentes municipios e comunidades autónomas os sistemas máis eficaces para a recollida selectiva dos residuos orgánicos.
Neste sentido, a organización ecoloxista elaborou unha clasificación dos modelos, segundo a calidade final do compost, cantos menos impropios se recollan, o sistema obterá mellores resultados, aínda que tamén se tiveron en conta o resto de factores analizados no estudo. A organización da o primeiro posto á compostaxe comunitaria, sistema polo cal os veciños e veciñas levan os seus residuos orgánicos directamente ao composteiro; séguelle moi de preto a porta a porta, que require dun control maior á hora de separar todos os residuos; despois, o quinto colector con chave, no que só participan os veciños e veciñas que o desexen, e teñen unha chave para abrir o contedor; en cuarto lugar está o húmido-seco, modelo presente en Galicia na Coruña e na Mancomunidade do Barbanza, onde se separan os residuos orgánicos e os inorgánicos, excepto o papel e o vidro, van a un mesmo colector, e, por último, o quinto colector aberto, que aínda que se separen os residuos orgánicos, atópase unha gran cantidade de residuos impropios o que xera un compost de moi baixa calidade.
A cantidade de impropios é determinante para avaliar a calidade do compost fabricado a partir da materia orgánica, polo que ese elemento é clave para o peche de ciclo total da materia orgánica, e para determinar que sistema é máis axeitado que outro tendo en conta os resultados.
Os municipios pioneiros en implantar a recollida selectiva elixiron estes modelos para levala a cabo. Para poder analizar os beneficios e as barreiras de cada un dos modelos, xunto coa Universidade Politécnica de Cataluña, examináronse 6 exemplos reais na nosa xeografía, estudando os resultados en toneladas, impropios ou custes, entre outros datos (1).
Os modelos analizados foron o quinto colector de Barcelona, a Porta a Porta de Esporles (Mallorca), o Húmido-Seco da mancomunidade de Barbanza (Galicia), a compostaxe comunitaria en Hernani (Guipuzkoa), o quinto colector con chave en Pamplona e un proxecto piloto errado na Rioxa.
A pesar das amplas diferenzas entre os datos recollidos (proporcionados polas administracións públicas responsables), os resultados ofrecen unha información relevante respecto das toneladas tratadas por cada un dos modelos, os impropios que se recolleron, a participación cidadá e, aínda que con diferenzas de precisión, os custes acadados e a redución de emisións dos gases que provocan o cambio climático.
Amigos de la Tierra espera que este informe sexa útil a todos os municipios interesados en iniciar a separación da fracción orgánica dos residuos, e indica aos atrasados que é indispensable realizar esta separación para lograr unha xestión sustentable dos residuos.