
O pasado mes de xullo no día da Masa Crítica ourensán presentouse a Bicienerxía, unha Central Eléctrica movida por bicicletas. Este proxecto foi ideado por Juanjo García Rodicio, socio de Amigos da Terra, que desenvolveu dous modelos, o que vimos aquí, construído por seu pai Cesáreo García, mecánico xubilado, que pode ser utilizado con calquera bicicleta, e outro realizado no seu instituto de Lalín, no que se arranxaron tres bicicletas para iluminar no día do Festival das Letras Galegas.
A finalidade desta iniciativa é facernos reflexionar sobre os nosos consumos enerxéticos esaxerados e máis sobre a orixe da enerxía que consumimos. Como veñen de amosar estudios dos últimos anos a porcentaxe máis elevada das emisións de CO2 que xeramos, se corresponde co conxunto das emisións do sector doméstico e do transporte dos países desenvolvidos, e non tanto polas industrias como se asume no imaxinario popular. Segundo alertan os científicos é imperativo mudar o noso sistema de consumos enerxéticos e de mobilidade, se non queremos que o noso planeta se poida ver afectado de xeito irreversible.

O seguinte paso que se quere levar a cabo dentro deste proxecto da bicienerxía, vai ser facer un biciconcerto, no que toda a enerxía que se precise vai ser xerada polo público dando pedal. ¿Apúntaste?