O pasado 12 de decembro pechouse o Acordo de París. Un ano despois, Alianza polo Clima, a plataforma de ámbito estatal contra o cambio climático da que formamos parte máis de 400 entidades da sociedade civil, presentou a súa proposta de contidos para unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, cun obxectivo de redución de emisións que acelere a transición e o aforro enerxético e sexa xusta cos países, sectores e colectivos máis vulnerables e empobrecidos.
Desde todos os puntos de vista –ambiental, social, político, económico e moral – para Alianza polo Clima é imprescindible a aprobación dunha Lei de Cambio climático e Transición Enerxética baseada na participación e o consenso, que proporcione un marco legal e financeiro estable e coherente. A proposta céntrase sobre todo na redución das emisións para mitigar o cambio climático, a transición enerxética, a xustiza climática e as políticas de cooperación ao desenvolvemento.
Imprescindibles contidos para unha Lei de Cambio Climático
Así mesmo, o documento propón mecanismos para reducir de forma progresiva as emisións de gases de efecto invernadoiro a curto e medio prazo, con accións guiadas por unha estratexia de descarbonización do noso país co horizonte 2050 e coordinadas entre os gobernos a todos os niveis (estatal, autonómico e municipal).
Alianza polo Clima considera positiva a resolución da Comisión para o Estudo do Cambio Climático do Congreso dos Deputados, aprobada o pasado 23 de novembro, que insta o Goberno a elaborar unha lei nesta materia. Para a Alianza, a participación social na elaboración do anteproxecto de lei é fundamental e anima ao goberno e aos partidos políticos a traballar nese sentido.
Con este motivo, nos próximos días a alianza porase en contacto coa Oficina Española do Cambio Climático, e cos principais partidos políticos para solicitar reunións e avanzar no diálogo sobre a proposta de lei.