pemento_tranxnicos

Un novo informe científico acusa á Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria de practicar ciencia-lixo e incorrer en erros e omisións graves no seu ditame.

Segundo un informe feito público hoxe por Amigos da Terra España e Greenpeace, o recente ditame da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria sobre o millo modificado xeneticamente MON 810 de Monsanto está totalmente viciado e contén importantes erros científicos.

Este informe presentouse no marco do proceso de consulta pública sobre este transxénico. Ambas organizacións esixen á Comisión Europea e ao Goberno Español que rexeiten a autorización deste perigoso millo.

A autorización de dez anos para o MON 810 (único transxénico autorizado na Unión Europea, e amplamente cultivado en España) caducou e a Unión Europea (UE) debe tomar unha decisión sobre a súa reautorización. Nese contexto,  a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA nas súas siglas en inglés) emitiu a finais de xuño o seu ditame, segundo o cal o MON 810 é seguro. Con todo, a análise científica deste ditame, realizado por encargo Greenpeace e Amigos da Terra España, revela erros e omisións graves no documento da EFSA e pon en dúbida as conclusións deste organismo.

“A EFSA violou, unha vez máis, o seu mandato. Se un estudante presentase como traballo universitario un informe destas características quedaría moi lonxe do aprobado por utilizar argumentos que calquera docente cualificaría de ciencia-lixo”, declarou David Sánchez, responsable da área de Agricultura e Alimentación de Amigos da Terra España.

O informe científico revela, entre outros moitos aspectos, que a EFSA:

– Ignora ou resta importancia aos datos que demostran que o insecticida producido por este millo transxénico podería ter impactos negativos en lepidópteros e outros insectos. No seu lugar recomendan, para aquelas zonas que albergan bolboretas e couzas, “medidas de xestión” que non se especifican.

– Non ten en conta as incertezas científicas e os informes contraditorios acerca dos efectos destes millos sobre o medio ambiente e a saúde.

– Omite os estudos científicos contrastados que subliñan as preocupacións sobre a súa seguridade.

– Menciona, para demostrar a seguridade do MON 810, estudos levados a cabo sobre un cultivo modificado xeneticamente distinto, o MON 863.

– Elude investigar a seguridade das novas proteínas xeradas neste millo polo proceso de modificación xenética.

Mentres España segue sendo o único país da UE que cultiva MON 810 a gran escala, seis estados da UE prohibiron o seu cultivo. Numerosos gobernos expresaron recentemente a súa enorme preocupación acerca da mala calidade do traballo da EFSA  e da seguridade deste millo transxénico. Recentemente o Goberno francés afirmou que non podía aceptar as conclusións da EFSA sobre o MON 810.

“Como pode a EFSA presentar unha opinión positiva sobre o MON 810 cando recoñeceu a súa incapacidade para determinar os impactos a longo prazo dos OMG?”, pregúntase Sánchez. “Neste momento, os consumidores non podemos estar seguros”.

“A Comisión non ten máis saída que rexeitar o ditame da EFSA, prohibir o cultivo de millo MON 810 e buscar outra autoridade oficial europea que sexa capaz de producir estudos non sesgados e baseados nunha ciencia verídica e independente, que sirva de base para quen toman as decisións políticas na UE”, concluíu Juan Felipe Carrasco, responsable da campaña de Transxénicos de Greenpeace.

Máis información