O proxecto que Amigos da Terra e PROMESA densenvolven en El Salvador, entra na súa etapa final.
Logo da posta en marcha do programa nutricional e as hortas familiares que permiten mellorar a dieta e a saúde de moitas familias, as actuacións do proxecto céntranse en promover a autonomía persoal e económica de dous grupos de mulleres, das comunidades de La Escoba e La Guacamayera, que poñerán en marcha unha iniciativa empresarial liderada e xestionada por elas mesmas.
No caso da comunidade de La Escoba, o grupo de 8 mulleres iniciarán obradoiros e capacitacións sobre elaboración de alimentos típicos e do mar e manexo sanitario de alimentos.
Pola súa banda, 22 mulleres da comunidade La Guacamayera estanse capacitando para a elaboración de champús e xabóns naturais. As formacións están a ser impartidas co apoio do Centro de Desarrollo de la Micro y Pequeña Empresa (CEDEMYPE).
Ambos os dous grupos tamén serán apoiados con equipos e materiais para iniciar a produción das súas pequenas iniciativas. CEDEMYPE, ademais, dará seguimento aos grupos e asesorará na comercialización dos produtos.
No que respecta ás familias que foron apoiadas mediante a posta en marcha de hortas ecolóxicas, están a recibir seguimento técnico e apoio para obter bos cultivos, como as capacitacións para a elaboración de repelentes orgánicos, nas que está a participar nestes momentos.
Ademais, como estratexia para evitar e reducir as enfermidades gastrointestinais, o proxecto entregou 60 filtros de auga e 60 cociñas eficientes de baixo consumo de leña, a 120 familias con nenas ou nenos con baixo peso ou malnutrición, e que participaron no programa de mellora nutricional. Ademais da entrega, realizáronse talleres para o seu correcto uso, limpeza e mantemento.
Por último, tamén se traballou no equipamento de grupos pesqueiros e marisqueiros das comunidades beneficiarias. En concreto, entregouse un motor ao grupo de curileros de El Salamo, que servirá para os seus desprazamentos, tanto ao viveiro de curiles, como para a vixilancia do bosque de manglar cercano ao viveiro. O grupo de curileros da comunidade de La Escoba recibiu, pola súa banda, material para a reparación do seu cayuco e unha rede, equipamento que contibuirá a mellorar as súas capturas e, polo tanto, á diversificación da súa dieta alimenticia e á comercialización de excedentes.