
Amigos da Terra España, CCOO, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace pediron ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño participar activamente na elaboración da futura Lei de Residuos, resultado da transposición da Directiva Marco de Residuos á lexislación española.
A Lei de Residuos que se adopte desde o goberno central determinará a política de xestión de residuos en todas as comunidades autónomas durante polo menos a próxima década. En opinión das citadas organizacións, esta lei debe facer posible unha redución significativa na cantidade de residuos que termina nos vertedoiros ou que se incinera, o que supón un malgasto de recursos e contribúe ao cambio climático e á emisión de gases tóxicos.
A nova lei tamén deberá concretar algunhas propostas que inclúe a Directiva, como o concepto chamado “enfoque do ciclo de vida” (Life Cycle Thinking) ou a xestión que se quere dar aos residuos biodegradables.
As organizacións sociais e ecoloxistas consideran que para ser eficaz, a lei de Residuos debería contemplar uns obxectivos xerais máis ambiciosos que os que recolle a normativa europea e en particular:
– A aplicación de plans de prevención de residuos e o establecemento de obxectivos e medidas que consigan unha importante redución na xeración dos mesmos, cun calendario de cumprimento máis estrito que o imposto pola directiva 2020.
– A recollida selectiva obrigatoria da materia orgánica para poder elaborar un compost de calidade que poida ser utilizado na mellora dos solos.