No día do medio ambiente queremos convocarte a formar parte da mobilización contra ENCE e poñer de relevancia á Ría de Pontevedra e á preocupante situación que atravesa. Dende Amigos da Terra apoiamos a mobilización e asumimos o manifesto elaborado pola plataforma.

As augas da ría de Pontevedra soportan xa un alto grado de contaminación, incumprindo os obxectivos de calidade establecidos na lexislación para augas de cultivos mariños e para augas de baño poñendo en perigo a actividade dos sectores que teñen nestas actividades o seu medio de vida.

E son moitas as fontes responsábeis desta contaminación, de forma particular a falta dunha depuración axeitada das augas residuais de orixe doméstica e a presenza do complexo ENCE- ELNOSA, o que se traduce – en ámbolos casos-na existencia dunha forte carga de materia orgánica e bacterias coliformes fecais.

Faise necesario eliminar todos os vertidos directos á Ría e aos ríos que a conforman, separar definitivamente as augas fecais das pluviais, impedindo a chegada destas últimas ás estacións EDAR, estender a rede de depuradoras a todas as aglomeracións urbanas da Ría, adaptándoas ás necesidades reais de depuración e asegurando a calidade esixida para as augas de baño e cultivos mariños.

A recente concesión por parte do goberno en funcións do PP dunha prórroga de 60 anos á empresa ENCE, supón un duro golpe ás posibilidades de saneamento da Ría e a hipoteca do futuro da comarca, que verá imposibilitada a recuperación dos recursos naturais, das praias urbanas de Pontevedra, da saúde e calidade de vida das persoas e a creación de emprego, que ten que vir da man da explotación racional dos recursos naturais (pesca, marisqueo e monte) e turísticos.

Pero non debemos esquecer tampouco o impacto que tería a permanencia de ENCE en Lourizán sobre o monte galego da man da eucaliptización, un proceso contrario á biodiversidade e a un mundo rural vivo.

É fundamental revogar esta prórroga como o é conseguir que o saneamento integral da Ría chegue a bo porto, un obxectivo que pasa por intensificar a mobilización social.

Neste contexto, chamamos á poboación da comarca e ao conxunto da cidadanía galega a mobilizarse pola Ría camiñando o 4 de xuño desde Marín e Pontevedra ata a fábrica de ENCE .

No día do medio ambiente e todos os días, Ence fora da Ría!