
Hoxe celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data para concienciar e sensibilizar á cidadanía da importancia de conservar e protexer o noso planeta, para que deste xeito, as xeracións futuras o poidan disfrutar tal e como o coñecemos hoxe.
“O teu planeta necesítate – Unidos/as contra o cambio climático”, é o lema elixido para este ano, xa que, o cambio climático é o problema ambiental máis grave o que se enfronta a humanidade na actualidade, e ante o cal é necesario actuar xa!
Por este motivo, Amigos da Terra estará hoxe en Vigo, na Rúa Príncipe á beira do Museo Marco, de 17 a 20 horas, cunha mesa informativa na que as persoas poderán realizar o xogo das enerxías e o test da pegada do carbono, co que pretendemos que a xente tome conciencia da necesidade de cambiar moitos dos seus hábitos prexudiciais para o planeta. Así mesmo, lles informaremos das moitas alternativas sostibles que existen hoxe en día para mudar cara a comportamentos máis respectuosos co medio.
Fonte imaxe: IDECO-Perú