Amigos da Terra, Amarante, A Esmorga, Semente e Verdegaia promoven esta exposición que rotará polas distintas salas de exposicións da cidade e da provincia ao longo do ano 2009. Vintenove instantáneas de 15 estudantes de primeiro curso de fotografía da escola “Antoino Failde” retratan o medio rural desde diversos puntos de vista, pero co fío condutor da agroecoloxía.

O acto inaugural terá lugar mañá mércores 3 de xuño ás 20 horas no Centro Social A Esmorga, e contará coa presenza dos artistas así como de representantes dos diferentes colectivos organizadores.

A exposición “Retratos da Sustentabilidade”, pretende achegar a realidade do mundo rural á sociedade desde distintos puntos de vista, amosando fórmulas de desenvolvemento e relación co “medio” diferente. Esta actividade busca tamén ocupar espazos e chegar a persoas ás que tradicionalmente non chega a mensaxe da agroecoloxía.

Esta é unha colaboración frutífera entre colectivos sociais e os futuros artistas da cidade, aos cales se lles da unha importante oportunidade de presentar os seus primeiros traballos. Os alumnos e alumnas da escola de arte fixéronse cargo da realización da exposición, mentres que os distintos colectivos sociais ocúpanse da promoción do seu traballo en toda a provincia.

Con esta actividade danse por rematadas as III Xornadas de Agroecoloxía. A exposición poderase visitar no centro social de A Esmorga ata o venres 12 de xuño, posteriormente no local de Amarante e Verdegaia, na casa da Xuventude e no campus de Ourense.

Xornadas de agroecoloxía

As III Xornadas de Agroecoloxía de Ourense xurdiron nun momento histórico marcado pola actual crise económica da clase media e alta a escala planetaria. As dúas anteriores edicións das Xornadas tentaban mostrar eivas do sistema productivo-consumista, e posibles alternativas a ese sistema. Estas III Xornadas de Agroecoloxía tomaron o relevo das dúas anteriores, e trasladaron os conflitos mundiais ao ámbito local para visibilizar proxectos e alternativas reais que conducen a un mundo máis xusto, máis humano.

Queremos insistir na agroecoloxía como unha ferramenta con un enorme potencial transformador da sociedade na que vivimos, xa que supón actuar de forma activa contra un modelo de produción agrícola e gandeiro intensivo e aberrante, potenciado por intereses económicos e comerciais insensibles á calquera consideración de saúde pública, de benestar animal ou de respecto ao medio natural.

A Agroecoloxía aséntase nas relacións de confianza entre o colectivo que produce e o que consume, substituíndo as relacións meramente comerciais entre elas/es ademais de potenciar á/ao pequena/o produtor/a local. Impulsar este sector poñería freo á expansión das grandes superficies comerciais apoiadas na política do consumo insustentable.