O documental foi elaborado polos compañeiros do grupo estatal de Amigos da Terra, en colaboración cos grupos locais, e subvencionado polo Ministerio de Medio Ambiente, retrata as diversas realidades contorno a un dos problemas máis complexos do noso tempo, o cambio climático, expondo a urxencia de establecer un diálogo profundo sobre as súas solucións.

”Manual de uso para un nave espacial” nace do interese de Amigos da Terra por indagar nas experiencias e opinións de distintas persoas fronte a este reto, tendo en conta que a área mediterránea é unha das rexións máis ameazadas polo cambio climático.

Este documental, trata o cambio climático no noso medio máis próximo. Non fai falta ver como se derreten os polos, basta con observar ao noso arredor para entender en que consiste.

Arte, rapaces, sectores de produción primaria e a sociedade de consumo, son as distintas perspectivas dende as que este documental afronta o tratamento do cambio climático; catro curtametraxes entrelazadas cóntannos distintas realidades entorno a un mesmo problema e unha visión de fondo: somos astronautas dunha nave espacial da que non temos manual, pero aínda así debemos aprender a ser pilotos na nave Terra, unha visión do mundo desenvolvida polo revolucionario enxeñeiro estadounidense Richard Buckminster Fuller nos anos 70. Precursor no uso do, hoxe tan manido, termo de sostibilidade, así como da necesidade de tomar consciencia do limitado dos recursos do noso planeta e de actuar en consecuencia. Así mesmo, Buckminster Fuller falaba da cooperación como estratexia óptima para a supervivencia humana.

Por outra banda, parécenos relevante destacar a presenza de numerosos testemuños da poboación galega, e entre estes, o dun dos sectores máis afectados en Galicia como é o da pesca, que se ve reflectido no documental co testemuño dos pescadores da confraría de Cedeira.

PRESENTACIÓN OFICIAL: 26 de maio no Clube Internacional de Prensa ás 20h en Santiago de Compostela. 

PARTICIPAN: Amigos da Terra e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas