
Hoxe, día 24, celébrase o Día Mundial do Animal de Laboratorio, unha data para reflexionar sobre a importancia de pór fin a este tipo de probas que terminan coa vida de máis de 300 millóns de animais por ano, xa que case a totalidade dos exemplares utilizados non teñen posibilidades de sobrevivir. Moitos deles morren por mor dos ensaios científicos, mentres que outros son sacrificados para ser sometidos a un exame post-mortem.
Os ámbitos nos que se emprega a experimentación animal pasan pola cosmética, a hixiene corporal, limpeza do fogar, perfumes, bolígrafos… e unha infinidade de produtos.
Estes experimentos non se manteñen baixo ningún argumento, xa que, non se poden extrapolar os resultados en animais aos humanos, posto que entre especies diferimos en moitísimos aspectos. Ademais, menos do 2% das enfermidades humanas ( exactamente o 1,16%), foron vistas en animais e máis do 98% das enfermidades humanas nunca afecta aos animais. Como consecuencia, cada ano retíranse centos de medicamentos do mercado por que resultan daniños para o ser humano.

Fonte imaxe: www.elrincondelascuatropatas.com
Alternativas ao uso de animais de experimentación
Nos últimos anos, o avance en informática e tecnoloxías da imaxe, permitiron o desenvolvemento de numerosas alternativas que non requiren o uso destes animais para realizar experimentos.
Entre os métodos propostos atópanse:
– Modelos, maniquíes e simuladores mecánicos
– Simulacións de computador e sistemas de realidade virtual
– Autoexperimentación no propio individuo
– Uso de material procedente de matadoiros
– Estudos in vitro con liñas celulares
– Aproveitamento de animais mortos de forma natural
Ademais, os modelos alternativos presentan varias vantaxes sobre os experimentos con animais. Unha das máis importantes, é que o experimento pódese repetir as veces que sexa necesario sen necesidade de sacrificar en cada caso un animal. Así mesmo, as novas tecnoloxías permiten demostrar fenómenos que normalmente non se poden observar coas prácticas tradicionais, como é a animación dun órgano ou función celular e o poder penetrar libremente no interior dos diferentes órganos.
Grazas á presión de grupos de defensa dos animais, colectivos científicos e a opinión pública, reducíronse considerablemente os experimentos nos últimos anos, pero aínda hai laboratorios que seguen realizándoos, a pesar de existir métodos válidos que non implican o uso de animais.