O colectivo ecoloxista considera o borrador publicado da Ordenanza, un reflexo da falta de interese do concello por dispor dunhas instalacións municipais axeitadas.

O borrador da Ordenanza municipal deixa baleiros tan importantes como a xestión dos cadáveres dos animais da canceira, xa que a normativa que debe rexer é a que regula a recollida, transporte, almacenamento, manipulación, transformación e utilización ou eliminación mediante incineración en instalacións autorizadas. Tamén a falta de nomeamento dun servizo veterinario oficial está ausente, polo que da publicidade a un documento que reflicte vagamente puntos importantes de xestión.

Ademais, o documento trata de regular o servizo de recollida, transporte e custodia dos cans e doutros animais domésticos do concello alertando, basicamente, das multas por levar un animal “solto”, ou do servizo que prestará o concello para evitar molestias e danos que poidan provocar os animais.

Nembargante, non se fai referencia algunha a que tipo de programa de adopción dos cans se vai elaborar dende o concello, nin das campañas de concienciación ou sensibilización que xustifiquen unha das razóns da existencia deste tipo de instalacións. Asemade, propón un horario de visitas do público escaso, limitando as posibilidades de poder efectuarse adopcións polos visitantes.

Comisión de Investigación

O pasado mes de marzo celebrouse un pleno extraordinario no concello no que o alcalde acordou abrir unha comisión de investigación para facer as oportunas verificacións sobre o acontecido na canceira nos últimos meses, xa que membros de grupos ecoloxistas, descubriron e denunciaron a existencia dunha fosa cun elevado número de cans mortos e un amplo descenso do número de animais das gaiolas do centro.

A falta de transparencia e a imposición de obstáculos para tratar de verificar que foi o que aconteceu, é a tónica que adoptou a administración carballinesa mostrando un total desinterese nunha cuestión municipal que preocupa a toda a cidadanía e na que Amigos da Terra é parte no procedemento xudicial aberto por considerar que se está incorrendo nun presunto delito de maltrato animal tipificado polo Código Penal.