
Amigos da Terra conxuntamente coa Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo e o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia organizan a campaña “Axuda a vivir: doa sangue e planta unha árbore”, promovendo a participación nesta campaña dos Voluntarios e Voluntarias da cidade de Vigo.
Esta iniciativa xurdiu motivada por dúas grandes preocupacións que vivimos na actualidade: a necesidade de sangue para a realización de transfusións en intervencións cirúrxicas (unhas 500 ó día, sobre todo no Nadal, as pontes e os meses de verán), e a desaparición dos bosques galegos motivada entre outras cousas polos incendios forestais e a perda de biodiversidade.
A Campaña lévarase a cabo nunha unidade móbil polo que favorece a colaboración de todas as persoas que desexen facer a doazón.
A unidade móbil estará presente nos seguintes lugares da cidade de Vigo:
Luns, 16 de marzo: Rúa do Principe (Cruce con Urzaiz).
Martes, 17 de marzo: Rúa Urzaiz nº 207 (Barrio do Calvario).
Mércores, 18 de marzo: Praza das Travesas (Rúa Castelao esquina Rúa Coruña).
Todolos días en horario: 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21h
En nome de todos os doantes realizarase unha plantación colectiva nun bosque afectado polos incendios ou no que sexa necesaria a súa reforestación. Esta plantación realizarase o día 25 de marzo conxuntamente entre os voluntarios e voluntarias ambientais e un ou varios centros de ensino, implicando desta forma aos mais cativos no proxecto.
Na pasada edición acadáronse case 100 doazóns diarias, e plantáronse 250 árbores en distintas zonas da cidade. Nesta campaña colaboran Supermercados Eroski e a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Medio Rural.
Actividades de voluntariado:
O traballo das voluntarias e voluntarios consistirá no acompañamento da unidade móbil do CTG nas distintas zonas da cidade (Príncipe, Calvario e As Travesas) e a animación ás persoas que pasan pola rúa a facer a doazón. Repartirase información sobre as doazóns e as distintas entidades que participan na campaña.
Na fase de plantación as voluntarias e voluntarios acompañarán aos nenos e nenas que a realizarán e axudarán nas tarefas da plantación.
Inscrición:
Todas as persoas que desexen participar como voluntarias nesta campaña, deberán poñerse en contacto coa Coordinación da Campaña antes do día 10 de marzo de 2009, indicando dispoñibilidade de datas e horarios. O día 11 de marzo realizarase unha xornada formativa e o reparto das quendas.
Amigos da Terra
Teléfono: 988 374318
Mail: voluntariado.galicia@amigasdaterra.net
Coordinación da Campaña
Teléfono: 986 264193 / 654 873051
Mail: teixugo@teixugo.com