Este xoves, día de compadres en Ourense, terá lugar un concerto especial de entroido dentro da caravana de concertos de Galiza Non Se Vende, da que forma parte Amigos da Terra.

18:00 horas: Obradoiro de Compadres na rúa do Paseo
19:45 horas: Desafío: Capitalismo- Terra. Rúa do Paseo.Rolda de prensa.
20:00 horas: Pasarrúas percusión – malabares ata o Grándola (Praza San Marcial).
20:15 horas: Repichoca de compadres-GNSV no Grándola (Algaravía + Gómes Mouro)
21:15 horas: Pasarrúas percusión –malabares ata o Auirense (Praza do Correxidor)
21:30 horas: Concerto no Auriense ( Guezos + Airas)
24:00 horas: Persecución de compadres desde o Faíscas ( Rúa Lúa )

Ademais, o próximo día 15,  ás 12 do mediodía, sairá da Alameda de Santiago de Compostela unha Manifestación Nacional baixo o lema: Goberne quen goberne, Galiza Non Se Vende.

Galiza Non Se Vende expresa a súa máis enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas súas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galicia, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos, utilizando o gasto público para alimentar este obsoleto, inxusto e insustentable modelo económico e social.

Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: Esquecemento interesado das persoas máis necesitadas economicamente, marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, caos eólico, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, depredador e insostíbel; urbanismo salvaxe, deterioro dos núcleos históricos das vilas, especulación xeralizada, macroáreas metropolitanas engulidoras e centralizadoras do territorio, extinción programada da agricultura e da pesca artesanal, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio cultural, especialmente do arqueolóxico…

As persoas que integran Galiza Non Se Vende expresan as súas ganas de vivir e de recuperar e potenciar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido. Por iso, artillamos unha rede de colectivos e proxectos realmente alternativos e conscientes, ante a incapacidade e covardía duns gobernantes que renuncian a deter esta tolemia, para procurarnos estratexias válidas para poder seguir vivindo na nosa terra e da nosa terra sen necesidade de esmagar ao resto do mundo e ás xeracións futuras.