A empresa Alcoa, pertencente a un dos grupos estadounidenses de maior produción de aluminio do mundo, é condenada a pagar máis dun millón de euros aos afectados polas emisións de fluor.

Foto: Factoría Alcoa en Xove (Lugo)

A produción de aluminio leva aparellado o risco de emisión de contaminantes ao aire na zona onde está emprazada a factoría, no municipio lugués de Xove. A presenza deste gas na zona foi o motivo determinante para que un xuíz cualificara que a actividade producía “danos foliares na vexetación da zona” e recoñeceu a relación de causalidade entre “ditos danos e a existencia de perdas de produción en cultivos e frutais” que conleva a que os veciños se vexan obrigados a soportar uns niveis de contaminación, aínda que presuntamente legais, prexudiciais.

 

O recoñecemento xudicial do perigo que supoñen certas actividades empresariais para o medio ambiente e para a saúde das persoas, logo de 5 anos de loita polos veciños denunciantes, abre unha porta á esperanza para dar resposta e cobertura legal ás agresións ambientais.

Segundo a lei de calidade do aire e protección da atmosfera, publicada no ano 2007, as empresas adicadas á produción de aluminio, son susceptibles de causar emisións contaminantes polo que a súa actividade se rexe por unha serie de condicionantes tendentes á protección do medio ambiente e á saúde das persoas.

Esta lei recolle no seu preámbulo que a atmosfera é “un ben común” e como tal, todas as persoas teñen o dereito de usalo e disfrutalo e a “obriga de conservalo”.

Nos últimos anos, vaise consolidando ampla xurisprudencia respecto á imposición de castigos e sancións polas accións atentatorias sobre o medio ambiente, que noutro tempo quedaron impunes. Neste senso, pronúnciase o Tribunal Supremo en numerosas sentencias cando di que “o delito contra o medio ambiente é un delito de perigo que non precisa dunha lesión efectiva no ben xurídico protexido”, é dicir, o feito de que a conduta de que se trate sexa a idónea para orixinar un grave risco para o ben xurídico protexido (o medio ambiente) aínda que este efectivamente non se chegue a producir, é suficiente motivo para ser castigado polo Código Penal que regula a imposición de multas e inclusive, penas de prisión de ata catro anos.

No caso da factoría de Xove, o xulgado de Primera Instancia determinou a imposición do cargo dunha indemnización que ascende ao pago aos demandantes de 1.064.529 euros (Fonte: Galiciae)

Amigos da Terra anima á cidadanía para que, ao igual que fixeron estes 51 veciños de Xove, se asesore e denuncien as agresións ecolóxicas porque, ademais de preservar o medio ambiente, vaise asegurar a protección da saúde das persoas.

Amigos da Terra dispón dun departamento xurídico que outorga asesoramento legal gratuíto para que calquera persoa poida resolver todas aquelas dúbidas que legal e ambientalmente, se lle presentan.