Manual de uso para una nave espacial retrata as diversas realidades en torno a un dos problemas máis complexos do noso tempo e suscita a urxencia de acadar un diálogo profundo sobre as súas solucións.
Preto de 200 persoas asistiron onte en Madrid á “Casa Encendida” para ver o estreo do documental Manual de uso para una nave espacial de Amigos de la Tierra, un documental sobre o cambio climático na noso entorno máis próximo.
Representantes de sindicatos, movementos sociais e políticos, coa Directora Xeral da Oficina Española de Cambio Climático, Alicia Montalvo, asistiron ao acto onde resaltou a numerosa presenza do público novo cada vez máis interesado en ter voz propia na problemática do cambio climático.
Se para a ciencia as causas do cambio climático son inequívocas, e provócano as emisións de gases de efecto invernadoiro das actividades humanas que exceden a capacidade de adaptación dos ecosistemas, as percepcións sobre o que está ocorrendo e o que pode pasar son moi diferentes segundo onde miremos. Todas as voces coinciden en que as solucións existen e en que debemos cambiar o modelo de sociedade e a forma de entender a nosa relación coa natureza, pero non todas as voces son escoitadas.
”A día de hoxe as concentracións de CO2 seguen aumentando e o prazo de tempo para empezar a reducir drasticamente as emisións se acurta a entre 4 e 10 anos. Manual de uso para una nave espacial nace do interese de Amigos de la Tierra por indagar nas experiencias e opinións das persoas fronte a este reto, e sabendo que o área mediterránea é unha das rexións máis ameazadas polo cambio climático”, comentaba Liliane Spendeler, secretaria xeral de Amigos de la Tierra.
”O cambio climático é unha realidade que nos tocou vivir, miremos onde miremos atopámola”.
Manual de uso para una nave espacial, trata o cambio climático no noso entorno máis próximo. Non fai falta ver como se derreten os polos, basta con observar ao noso ao redor para entender en que consiste. Arte, novas, natureza e sociedade de consumo son os temas deste documental. Catro curtametraxes entrelazadas cóntannos distintas realidades en torno a un mesmo problema e unha visión de fondo: somos astronautas dunha nave espacial da que non temos manual, pero aínda así debemos aprender a ser pilotos na nave Terra.
Durante a presentación do documental Amigos de la Tierra demandou con urxencia unha lei de cambio climático e pediu un compromiso político para fixar reducións anuais de CO2, como xa o fixeron outros países europeos.