Amigos da Terra critica a reiterada actitude do concello de Ourense pois non envia as correspondentes contestacións ás denuncias ambientais interpostas pola entidade.

Dende o mes de xuño pasado, espérase algún tipo de resposta sobre o tema da vertedura de augas residuais sen tratar en Santa Mariña, feito levado a cabo pola empresa contratada para a xestión e recollida do lixo na cidade.

Pero este caso non é un feito aillado, senon que a asociación ecoloxista reúne varios “silencios administrativos” provintes do concello. Esta actitude vai supór un retraso no traballo da entidade que non poderá seguir adiante coa investigación ou quedará carente da información ambiental que demanda por una incorrecta actividade administrativa.

O concello de Ourense, ademais, está deixando de facer o que lle corresponde como institución que representa os intereses do cidadán que, perante este tipo de actuacións, queda nunha total inseguridade xurídica.

A maior critica que fai Amigos da Terra é que considera que este “deixar de facer” o que lle corresponde da administración, debe terse como desleixe e non como silencio administrativo. O silencio administrativo é unha figura regulada na Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, que regula a obriga de resolver da administración dictando resolución expresa e notificándoa e, se nada se establece no procedemento aberto, o prazo máximo para resolver será de tres meses. Nembargante, existen normas que regulan outros prazos como a Lei 27/2006, de acceso á información ambiental, cuio prazo para enviar a documentación ambiental solicitada, salvo que sexa inviable por causa xustificada, será dun mes.

O cumprimento destes prazos é, polo tanto, unha obriga legal das administracións, obriga que, incúmprese sistematicamente por concellos como o de Ourense deixando ao amparo das súas decisións e accións, a protección do medio ambiente.