O Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, publicou en decembro de 2008 o borrador do Informe que recolle o grado de cumprimento do estado español das directrices recollidas polo Convenio de Aarhus. Dito Convenio, é de aplicación directa en España, tras a súa ratificación no ano 2004 e unha vez publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE).

A trasposición do Convenio de Aarhus ao ordenamento xurídico español realizouse a través da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

O Informe ven de ser publicado tras a presunta e ampla participación do público en xeral e das Organizacións Non Gubernamentais (ONG), en particular, segundo sinala o propio ministerio.

Actualmente, o Informe está a disposición da cidadanía e de todos aqueles que desexen presentar alegacións ao citado borrador. É moi importante que se acheguen o maior número de escritos posibles que recollan as pautas, correctas ou non, da administración central respecto ao cumprimento do Convenio.

O prazo para enviar as alegacións remata o 26 de xaneiro e o correo ao que debe dirixirse é buzon-aarhus@mma.es.

O borrador do Informe podes consultalo aquí.

Amigos da Terra presentará as súas alegacións conforme ao que considera un absoluto desleixo administrativo respecto ao cumprimento da citada norma que deixa nunha total indefensión xurídica a cidadáns e entidades que pretenden exercer os seus dereitos tanto, de acceso á información ambiental, que na maioría dos casos non é facilitada a quen a solicita o esta atopa diferentes trabas (elevadas taxas, prazo para alegar moi breve, funcionario inepto…) ; o dereito de participación pública en plans e programas que poidan incidir directa ou indirectamente no medio ambiente, aspecto que so se cumpre parcialmente nalgúns casos nos que todos os axentes sociais son convidados a participar na elaboración dunha norma; e, finalmente, o acceso á xustiza. Este último pilar é, sen dúbida, o máis descoñecido e que máis aspectos de incertidume presenta. A propia lei recolle de forma moi somera o acceso gratuíto á xustiza dirixido ás aquelas organizacións sen ánimo de lucro que acrediten que o seu traballo se dirixe exclusivamente á protección medioambiental. Neste senso, a lei española presenta un avance respecto ao Convenio xa que, a nivel europeo, aínda está en tramitación a directiva que regula dito acceso.