
O Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño outorga unha declaración de impacto ambiental negativa para a autovía Cuenca-Teruel. N-420 de Córdoba a Tarragona por Cuenca, que ten moitas similitudes co proxecto presentado para a autovia A-76 ao seu paso pola Serra da Enciña de A Lastra no extremo oriental galego.
Este Ministerio, xunto co de Fomento, anuncia unha declaración negativa para a autovia Cuenca-Teruel, mediante a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, porque do proxecto “dedúcense impactos significativos de importante gravidade sobre algúns hábitats e especies que constitúen os obxectivos de protección de lugares Natura 2000.”
Que acontece entón na Serra de A Lastra? A graduación da Rede Natura europea desvirtúase dunha Comunidade autónoma a outra? Ou é que o executivo galego é menos proteccionista co resto de gobernos autonómicos?
Neste caso, o Ministerio anunciou que o proxecto afectaría a algúns lugares da Rede Natura 2000, como Lugares de Interese Comunitario (LIC) e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPAS), protexidos pola directiva Hábitats e pola lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e que, polo tanto, os impactos previsibles fan “non viable ambientalmente a actuación.”
A Serra da Enciña de A Lastra é Parque Natural, polos seus especiais valores biolóxicos e paisaxísticos que lle fan gozar de especial protección e determinadas funcións. Ademais é Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección das Aves (ZEPA). O proxecto que o goberno central e o autonómico galego queren aprobar na serra de A Lastra, fragmentaría o macizo causando unha afección ambiental e paisaxística irreversible. Descartouse o trazado que substituía o que era a alternativa menos contraproducente para o medio e que suplantaba a antiga N-536, escolléndose, pola contra, o tramo Biobra que transcorre polo municipio de Rubiá o que vai supór o quebrantamento total do Parque Natural, coa consecuencia da perda de hábitats de flora e fauna autóctona.
Logo de presentar as alegacións por distintos grupos como Amigos da Terra e outras asociacións ecoloxistas, asociacións de veciños, particulares, espérase que moitas delas sirvan para facer un chamamento obrigado á administración e que esta non continúe adiante co proxecto e busque alternativas viables tendo en conta os principios de cohesión territorial e social, a compatibilidade ambiental, a calidade, a seguridade e a eficiencia económica.