Amigos da Terra asiste á terceira reunión que, con motivo do cumprimento dos contidos da Directiva Marco da Auga (DMA), convocou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O proceso de participación pública fomentado dende fai un ano polo Organismo de Conca nas diferentes demarcacións, trata de delimitar os aspectos que a DMA marcou como obxectivos prioritarios. En primeiro lugar, debe quedar elaborado o Plano Hidrolóxico da demarcación Miño, Limia e Sil antes de finais do ano 2009. Pero, ademais, antes do 2015 debe quedar cumprido o obxectivo do “bo estado” das masas de auga, esto é, a boa situación hidrolóxica das augas lucenses e ourensanas.

Case de modo simultáneo, producíase en Ourense á altura da Ponte do Millenium, un novo vertido de augas residuais ao río Miño. Amigos da Terra procedeu á correspondente denuncia ante a Policía Autonómica e os técnicos da Confederación Hidrográfica, que sinalaron a reiteración dos feitos e, polo tanto, da existencia dun expediente aberto contra os mesmos, xa que a finais de outubro a asociación, tras a denuncia dun particular, verificando efectivamente o vertido, anunciouno aos órganos competentes citados, sen que ata o momento se recibira notificación ou contestación algunha de cal é a orixe dos vertidos que, casualmente, se veñen producindo en días de chuvia cando máis auga discorre polo río e resulta máis complicado localizar vertidos pola rapidez coa que baixa a auga que disolve máis rapidamente os residuos.

Soe acontecer, asemade, que os municipios non teñan depósitos diferenciados de augas pluviais e fecais e, polo tanto, os días que chove moito desborda o tanque que trata de reconducir estas augas á depuradora, producindo vertidos indeseados e ilegais.

Cómpre que os organismos velen polo saneamento das augas, obxectivo que lle compete aos concellos, e pola tutela do bo estado das augas sen vertidos, tal e como indica a directiva comunitaria.

É necesaria a denuncia para o caso da localización de vertidos. Entre toda a cidadanía pódese lograr que as empresas e particulares irresponsables, sexan denunciados e sancionados co fin de erradicar prácticas que afectan de modo irreversible ao medio ambiente e poñen en perigo a saúde das persoas.